A GoPro Omni sairá á venda a semana que vén

mércores, 10 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar a gravación de secuencias deportivas e de acción en 360 graos dende GoPro propuxeron unha solución chamada Omni que consiste nun cubo no que se integran 6 cámaras GoPro HERO4 para así poder cubrir todos os ángulos con grande calidade para poder gozar así das imaxes captadas con cascos de realidade virtual dun xeito moi realista, conseguindo contidos moi inmersivos. Esta solución presentouse no mes de abril na feira NAB de Las Vegas, e tras unha longa espera xa sabemos cando poderá mercarse a solución completa por 5.399,99 euros: estaría dispoñible a partires do vindeiro día 17.
Aínda que o prezo deste produto pode parecer moi esaxerado, cómpre salientar que estamos a falar dun produto orientado ao mercado profesional, onde tal prezo resulta bastante razoable, existindo no mercado solucións moito máis económicas (pero tamén cun resultado moito máis modesto).
Coa Omni conséguese que as gravacións da matriz de 6 cámaras estean totalmente sincronizadas, xera vídeo envolvente de elevada calidade (cunha resolución de 8K, cunha batería externa Switronix Hypercore985 (incluída) pode funcionar até 3 horas seguidas e o resultado acadado adáptase aos estándares actuais (facilitando poder compartir as gravacións en numerosas plataformas compatibles con vídeo en 360 graos).

Durante o Tour de Francia realizáronse gravacións coa Omni de GoPro

PUBLICIDADE