A Industriosa, espazo maker de Vigo, acolle unha charla sobre a rede de Kubernetes

venres, 5 de abril do 2024 S. P.

O espazo vigués de tecnoloxías abertas A Industriosa acollerá o martes 16 de abril ás 19 horas unha charla titulada: Desvelando os segredos da rede de Kubernetes. No dito relatorio, Antonio Ojea desvelará os misterios e detalles da interface CNI de Kubernetes.
Os temas que se abranguerán neste encontro serán: o funcionamento do kube-apiserver; a exploración de kubelet; a xestión das conexións en cada pod amais de afondar en aspectos menos coñecidos de Kubernetes.
Antonio Ojea leva varios anos traballando no stack de networking de Linux. Na actualidade traballa como enxeñeiro de software en Google, e con anterioridade pasou por empresas tan importantes como Midokura, Suse ou Red Hat.
Dicir que a participación é de balde mediante rexistro no Meetup da Industriosa. Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

PUBLICIDADE