A Lenovo Mirage Camera sairá á venda o 4 de maio

luns, 26 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A primeiros de ano YouTube adiantou que en primavera Lenovo ía pór á venda unha cámara compacta compatible co formato VR180, que permite captar vídeo para o seu goce máis realista ao rexistrar o que ten diante en 180 graos e con dous obxectivos á vez, conseguindo tirar proveito da estereoscopía, polo que, de contarmos cun casco de realidade virtual poderemos ter a sensación de estar a vivir en directo a acción, xa que percibiremos a profundidade e poderemos mudar o ángulo de visión, no que poderiamos considerar a evolución do vídeo 3D.
A Lenovo Mirage Camera conta con 2 cámaras de ollo de peixe cun ángulo de visión de 180 x 180 graos, que dispara fotografías e grava vídeo, e incluso pode aproveitarse para emitir vídeo envolvente en directo sen ter que empregar o smartphone a xeito de intermediario (podendo conectarse á Rede directamente por Wi-Fi) e por fin sabemos cando verá a luz, xa que Amazon permite xa reservala por 299,99 dólares cunha data de lanzamento fixada no 4 de maio.
Un detalle curioso desta cámara é que carece de pantalla traseira, de xeito que se queremos previsualizar o que capta habería que emparellar a cámara cun smartphone (que no caso de introducilo nun casco de realidade virtual permitiría unha previsualización ideal).
O vídeo gravado ou retransmitido en vivo por esta prometedora cámara estará en resolución 4K, de xeito que rexistra un elevado nivel de detalle para que cando vexamos os contidos cun casco de realidade virtual a imaxe sexa nítida.
Cómpre lembrar que os vídeos VR180, pese a estar optimizados para a súa visualización estereoscópica con casco, tamén poden verse con normalidade en YouTube, aproveitando o feito de que o fluxo de traballo con este formato é igual ao do vídeo tradicional, dirixindo a acción a persoa que grava o vídeo (en contraste co vídeo en 360 graos, no que era posible captar todo o contorno ao redor).

A nova cámara permitirá rexistrar momentos cotiáns dun xeito moi realista grazas ao uso da estereoscopía e a visión en 180 graos

PUBLICIDADE