A Nintendo Wii podería gañar a guerra das consolas de novas xeración

mércores, 29 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A guerra das consolas de videoxogos de nova xeración podería rematar antes da batalla de Nadal, pois os problemas de abastecemento e as demoras da PS3 poderían facer que Nintendo tomase unha posición dominante no mercado do lecer electrónico que podería manter durante bastantes meses se nos fiamos das cantidades das que se fala na actualidade.
Así, temos que a Nintendo Wii superou as 600.000 unidades vendidas nos EE.UU. en 8 días, rematando coas consolas que puxo Nintendo no mercado, de aí que non sexa arriscado afirmar que Nintendo verá tantas consolas como poña en venda de aquí ó Nadal.
Facer números coas vendas das novas consolas está a resultar complexo, xa que nas tendas on-line se racharon tódolos stocks, e non faltan unidades á venda en servizos coma eBay (onde se venden tanto consolas coma o vales de precompra das mesmas), pero parece que a Nintendo Wii está a vender case o dobre de unidades que a PS3 de Sony.
Dende NexGen Wars dan de xeito orientativo unhas cifras que resultan moi ilusatrativas, pois vemos que a Xbox 360 vendeu xa 7.595.154 unidades (xa que leva moitos meses á venda), seguida pola Wii con 559.877 unidades e a PS3 con 315.555, pero non é iso o máis interesante, sen´no que cando se consulta ós lectores da web pola preferencia que teñen no tocante ás novas consolas a Wii lidera con 54,3% de apoios, seguida pola Xbox 360 co 28,1% e a PS3 co 17,6%, o que podería indicar claramente que o prezo da PS3 supón un lastre importante, e que tanto o prezo coma o sistema revolucionario de xogo da Wii a podería converter no líder das novas consolas. Deste xeito, que a Wii non conte con imaxe en alta definición podería ser irrelevante, xa que a meirande parte dos seus potenciais compradores aínda non conta con televisores de alta gama e a consola de Nintendo é máis que suficiente para garantir moitas horas de lecer.
¿Remataría a guerra das consolas antes de chegar a España (polo momento a única consola que se vende aquí é a Xbox 360)?

PUBLICIDADE