A UDC e a firma Inycom selan un acordo para dotar á Universidade de escritorios virtuais

venres, 5 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vai modernizar integramente a súa metodoloxía de ensino e comunicación profesor-alumno a través dunha nova aposta polas novas tecnoloxías e aparellos da información. Máis polo miúdo, do que se trata este proceso é da implantación, nunha primeira fase, dun milleiro de escritorios virtuais ao servizo da comunidade universitaria (profesorado, alumnos e persoal da administración e servizos). Esta achega de tecnoloxía canalizarase a través do acordo asinado este xoves entre a UDC e máis a empresa aragonesa Inycom (con sede na Coruña). O acto de formalización oficial deste convenio contou coa presenza do reitor, Xosé Luís Armesto, e o representante da dita firma, Gabriel Barreiro.
Como dixemos, o proceso incluirá unha primeira etapa de traballo na que se fornecerá aos campus de mil escritorios virtuais. Con todo, sinalaron os responsábeis do proxecto, o obxectivo é chegar aos 4.000 postos, e a propia iniciativa está pensada dende o seu comezo para iso. Os escritorios virtuais permitirán que o usuario acceda aos datos do seu computador a través de calquera dispositivo electrónico e en calquera lugar sen ter que estar in situ diante do seu aparello. Os datos de cada usuario estarán gardados nun único servidor central aos que se poderá acceder desde calquera emprazamento no que se atope o usuario, engadiron. Esta infraestrutura, explicou o reitor, permitirá á Universidade da Coruña “a actualización e modernización dos dispositivos electrónicos nas aulas, nos laboratorios e nos despachos facilitando o acceso aos estudantes e ao persoal aos seus datos”. Pola súa parte o representante da empresa Instrumentación e Compoñentes (Inycom), comentou que “estes contornos estaban cada vez máis demandados por sectores nos que se require un acceso rápido e áxil aos datos, xa que isto permite que, por exemplo, un profesor poida acceder de forma inmediata ao seu escritorio desde a aula en que está dando clase”.
No acto de firma do convenio estaba presente tamén o director do proxecto David Torres quen sintetizou os beneficios básicos que terá a implantación dos escritorios virtuais: “Dispoñibilidade, accesibilidade e seguridade”. Torres sinalou que “a cuestión da seguridade dos datos era importante ao estar centralizados nun único servidor central”, ademais, dixo, “suporá un aforro enerxético, xa que o consumo de cada equipo pasará de 125 a 15 tios por equipo”. O aforro será tamén económico ao engadir tamén o menor mantemento dos equipos informáticos.

PUBLICIDADE