A UVigo valida no Hospital Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía IA para medir a calidade do aire en tempo real
xoves, 28 de maio do 2026
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo converteuse no escenario de proba e validación dunha innovadora tecnoloxía desenvolvida polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, para monitorizar a calidade do aire interior en tempo real.
Os primeiros resultados do proxecto piloto confirman “o bo funcionamento do sistema nunha contorna altamente esixente”, sinalou a UVigo.
Financiado a través do programa Ignicia da Xunta con 390.000 euros e realizado en colaboración coa área Sanitaria de Vigo, S.C. Novo Hospital de Vigo e Veolia, o proxecto púxose en marcha co obxectivo de “deseñar novas tecnoloxías que axuden a transformar datos ambientais en información útil para mellorar a xestión dos edificios e o confort das persoas”.
Titulado Monitoraxe da calidade do aire interior e representación 3D con Intelixencia Artificial, o proxecto está liderado polo catedrático Enrique Granada Álvarez, acompañado do tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, co-fundador de varios proxectos tecnolóxicos.
Granada explicou recentemente que a medida da calidade do aire no interior (IAQ) con intelixencia artificial (IAQIA3) "responde ao retos que formulan os sistemas actuais cunha tecnoloxía innovadora baseada en IA que permite o modelado dinámico, en 3D e no tempo, da calidade do ar interior e a súa integración con sistemas de xestión de edificios (BMS)”. Isto, sinala, achéganos unha situación na que se poden detectar eivas de eficiencia nos sistemas de ventilación ou adaptarse en tempo real ás cambiantes circunstancias derivadas do uso que as persoas usuarias fan dese edificio.
A experiencia piloto levouse a cabo na sala de espera de Consultas Externas do hospital, onde se despregaron preto de 40 dispositivos capaces de recoller datos cada cinco minutos en máis de 80 puntos de control. Esta rede permitiu obter unha imaxe precisa do comportamento ambiental do espazo.
Un dos elementos clave do sistema é o seu modelo avanzado de IA capaz de xerar modelos espaciais e temporais a partir de medicións puntuais.
A UVigo confirmou que “os datos recollidos ata este mesmo mes de abril amosan un funcionamento estable e coherente cos parámetros de calidade do aire e estándares dun hospital de vangarda”.
As temperaturas medias situáronse en 23,5 °C en xaneiro e 24,0 °C en xullo, mentres que a humidade relativa alcanzou o 46,9% e o 60,9%, respectivamente. En canto á calidade do aire, os niveis medios de dióxido de carbono mantivéronse en 618 ppm no inverno e 630 ppm no verán, valores que indican unha ventilación e calidade do aire óptima.
O sistema permitiu identificar oportunidades de mellora en aspectos como a homoxeneidade térmica ou o control da humidade, “demostrando a súa utilidade non só para detectar problemas, senón tamén para optimizar instalacións que xa funcionan correctamente”, informou a UVigo salientando que un dos elementos máis relevantes do proxecto é o propio contexto no que se está desenvolvendo. “O Hospital Álvaro Cunqueiro non é unha contorna calquera: trátase dunha infraestrutura con altos estándares en ventilación e climatización, o que converte este piloto nunha proba especialmente esixente”, explica o catedrático Enrique Granada, líder do proxecto.
De feito, validar unha tecnoloxía nun edificio que xa funciona correctamente supón “un reto maior que facelo en espazos con deficiencias evidentes”, constatou, destacando tamén que o obxectivo “non é corrixir fallos básicos, senón demostrar que se pode achegar unha análise máis precisa, capacidade preditiva e novas ferramentas de xestión mesmo en instalacións avanzadas”.
Xunto a Enrique Granada completan o equipo de traballo, o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, co-fundador de diferentes proxectos tecnolóxicos. Con esta nova tecnoloxía poñen sobre a mesa unha nova xeración de sensores autónomos de baixo custo con algoritmos avanzados capaces de analizar a evolución espacial e temporal de variables como a temperatura, a humidade ou o CO2. “Trátase de avanzar cara a unha nova xeración de sistemas que non só midan, senón que axuden a tomar decisións”, recalca o responsable do proxecto.
Os investigadores sinalaron nunha entrevista recente que o mercado obxectivo do seu sistema (IAQIA3) "abrangue hospitais, centros comerciais, edificios de oficinas, terminais de transporte ou ximnasios". O proxecto culminará coa creación dunha empresa especializada en solucións de IAQ, cun modelo de negocio baseado na comercialización de algoritmos de IA para visualización 4D.
