A Xunta e a FEGAMP levarán a Rede CeMIT a tódolos Concellos de Galicia
venres, 30 de abril do 2010
A Secretaría
Xeral de Modernización maila Federación Galega de Municipios e Provincias
(FEGAMP) veñen de anunciar o seu compromiso de colaboración para que a Rede de
Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), constituída a
comezos deste mes, “estea presente na
maioría dos concellos galegos cun modelo de xestión máis sostible e con
capacidade para estenderse a máis concellos”.
Na actualidade,
este tipo de aulas públicas de acceso a Internet están a disposición dos
veciños e veciñas de 94 concellos galegos, porén a intención do Executivo é ir
sumando paseniñamente máis municipios que conten con Centros propios nos que impartir
formación en novas tecnoloxías a todos os colectivos sociais, facendo fincapé
naqueles con máis dificultades de acceso á Sociedade da Información.
O convenio asinado
esta mesma mañá entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira e o
presidente da Fegamp, Carlos Fernández, é, segundo apuntan dende a Xunta, “continuar o labor da Rede mellorando o modelo
de xestión para facelo máis sostible e posibilitando a súa continuidade”.
A adhesión dos
concellos, segundo informan os responsables da iniciativa, levarase a cabo en tres
fases: unha primeira que comprendería aqueles municipios que contan cunha aula
da antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información, unha segunda que abarcaría
aos concellos que dispoñen dun centro da Rede de Telecentros de Comunicación e,
finalmente, unha terceira na que se irían sumando as distintas entidades
municipais que inicialmente non contaban con ningún centro dos anteriores a
disposición da súa veciñanza.
Requisitos
Os municipios
interesados en incorporarse á Rede CeMIT, segundo recolle o convenio asinado coa
FEGAMP, “deberán dispoñer dun local que
cumpra os requisitos técnicos precisos e contratarán ao axente TIC que se
ocupará de desenvolver as actividades do centro, achegando a Administración
autonómica o 80 por cento do seu custe laboral”.
Asemade, a
Xunta tamén se ocupará de dotar de equipamento informático aos centros, así
como do mantemento técnico dos mesmos.
Deste xeito,
ademais de promover o uso das novas tecnoloxías en tódolos concellos galegos e
formar á cidadanía no emprego básico das TIC sen facer excepcións (reducindo así
a fenda dixital), a Rede CeMIT vai posibilitar a contratación de máis técnicos
informáticos e persoal educador, o que permitirá reducir as listas do paro que
tanto preocupan na actualidade.