A Xunta e as mulleres tecnológas da nosa terra traballarán a prol da igualdade

venres, 22 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, reuniuse onte en Santiago de Compostela coa xunta directiva da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia, que encabeza Ana Jesús López, co fin de establecer novas liñas de traballo no eido da ciencia e da tecnoloxía para as mulleres. Desta vontade de colaboración xorde precisamente o III Programa Galego de Muller e Ciencia, co que se prevé avanzar na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación.
Susana López afirmou que o proxecto “é un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico que permite acadar resultados tanxíbeis e duradeiros aproveitando tanto o talento das mulleres como dos homes”.
Nos programas Muller e Ciencia realizados en anos anteriores logrouse promover a presenza equilibrada de homes e mulleres no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación. Tamén a inserción da perspectiva de xénero en procesos e procedementos de traballo. Así, cada ano entrégase o premio María Josefa Wonenburger Planells, que ten a finalidade de recoñecer ás mulleres científicas de Galicia e facer chegar á sociedade as súas contribucións.

PUBLICIDADE