A Xunta vai investir preto de 10 millóns de euros no desenvolvemento do Plan Avanza
luns, 1 de outubro do 2007
No marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), o documento que guía as políticas de novas tecnoloxías da Xunta de Galicia, o conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Fernando Blanco, mailo secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, veñen de asinar unha serie de acordos para o desenvolvemento dos seguintes programas: Cidades Dixitais, Peme Dixital, Cidadanía Dixital e difusión do DNI electrónico, nos que se investirán 9,75 millóns de euros este ano.
A esta cantidade, achegada de xeito conxunto pola Xunta, o Ministerio de Industria e distintas entidades locais, hai que engadirlle o destinado polo Ministerio de Industria á concesión de Préstamos Avanza en Galicia, que suma máis de 55 millóns de euros á cantidade inicial.
Cidades Dixitais
Este programa ten como finalidade a introdución da sociedade da información na vida cotiá dos cidadáns e conta cun financiamento de 2,54 millóns de euros para o período 2007-2008. As actuacións neste senso vanse centrar nos servizos e aplicacións de administración electrónica, servizos dixitais dirixidos a cidadáns e empresas do entorno local, formación e difusión das novas tecnoloxías.
Peme Dixital
O Programa Peme DIXITAL, está orientado a incrementar o grao de adopción das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas pequenas e medianas empresas, aumentar a implantación do negocio electrónico e impulsar a implantación da factura electrónica. As actuacións previstas para este ano contarán cun financiamento total de 3,16 millóns de euros.
Cidadanía Dixital
O principal obxectivo deste programa é incrementar o número de usuarios de Internet en Galicia. O financiamento das actuacións de Cidadanía Dixital para o ano 2007 elévase a 2,66 millóns de euros.
Difusión do DNI Electrónico
O programa de difusión do DNI Electrónico busca aumentar o grao de concienciación, formación e sensibilización dos cidadáns, empresas e administracións públicas en materia de identidade dixital, así como estimular a incorporación da seguridade nas organizacións como factor crítico para o aumento da súa competitividade, promovendo para iso a adopción das mellores prácticas.
Este programa conta cun financiamento de 740.000 euros na nosa comunidade.
Préstamos Avanza
Este programa ten o obxectivo de impulsar a incorporación das tecnoloxías da información e das comunicacións á sociedade. Son préstamos de ámbito estatal e non están divididos por autonomías pero pese a iso, estímase que “o Ministerio de Industria achegue máis de 55,37 millóns de euros en Galicia neste concepto”.