Grande éxito da versión rosa do Microsoft Zune
xoves, 24 de maio do 2007
En 2006 xurdiu unha auténtica febre no sector
tecnolóxico que levaba ós fabricantes a sacar versións en cor rosa dos seus dispositivos,
no que aseguraban que era un xeito de achegar ó público feminino ós produtos
coidando a súa estética, o que parecía sorprendente polo seu minimalismo, pero
agora Microsoft confirma esta aposta ó anunciar que a versión rosa pálido do
seu reprodutor Zune (que saíu nos EE.UU. a comezos de mes) está
superando en vendas ás versións branca e marrón.
Hai que indicar que no mercado dos reprodutores baseados en disco duro
Microsoft xa está nunha segunda posición en vendas, superándoo só Apple co
iPod, polo que supera as expectativas que había sobre o produto, dado que
Microsoft non tiña experiencia neste sector, que viña estando dominado por
outros fabricantes. Parece así que a campaña de comercialización inicial do
Zune é todo un éxito e a aposta pola variedade cromática (que continuará
mellorando, estreando un modelo vermello no verán, xunto cunha edición
especial inspirada no videoxogo Halo 3)
todo un acerto.