A actualización de Destiny á nova xeración será de balde

luns, 8 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Mañá sae á venda un xogo moi agradado, Destiny, que promete converterse nunha franquía de éxito para os vindeiros anos, por ser obra da xente de Bungie, estudio que xa demostrou o seu bo facer na saga Halo, e que agora achegan unha proposta moito máis ambiciosa e evolucionada.
O lanzamento deste xogo levou tamén a que Sony preparar un lote especial coa consola PlayStation 4 a un prezo de 399,99 euros, incluíndo tamén un mes de proba do servizo PS Plus e que nas tendas da cadea GameStop contarán cunha edición exclusiva da consola en cor branca en vez do negro habitual. Estes lotes especiais só estarán dispoñibles até o día 16 de setembro.
En vista de que moitos usuarios aínda non contan cunha consola de nova xeración, compra que reservan para a vindeira campaña de Nadal, dende Bungie quixeron realizar unha interesante promoción, que consiste en que os xogadores que rexistren o xogo en liña antes do 15 de xaneiro de 2015 nas súas versións de PlayStation 3 ou Xbox 360 poderán descargar de balde as edición para PlayStation 4 e Xbox One respectivamente, de xeito que poderán comezar a xogar xa a este grande título, e continuar a experiencia cando dean o salto á nova xeración sen ter que facer un investimento adicional.

JPEG - 67.6 KB
Nas tendas de GameStop poderase mercar o xogo xunto cunha versión branca da PS4


Trailer de Destiny

PUBLICIDADE