A alianza galega ATIGA impulsará a eficiencia e a sustentabilidade das empresas europeas
martes, 8 de marzo do 2016
O proxecto
Vanguard Initiative, unha iniciativa europea na que participan 30
espazos xeográficos diferentes, vai
ter notable presenza galega. Máis polo miúdo a da Alianza
Tecnolóxica Intersectorial, ATIGA, unha fronte común formada por
AIMEN, o centro tecnolóxico Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de
Galicia, EnergyLab, o CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de
Galicia) e ANFACO-CECOPESCA. Como lembraremos, Vanguard Initiative
diríxese en parte a impulsar metodoloxías que contribúan a
establecer segundas e terceiras vidas e funcionalidades para todo
tipo de produtos industriais. Nun plano máis xenérico aposta de
cheo pola especialización intelixente e a cooperación entre países
e comunidades. Supón, en palabras dos seus impulsores, “unha
innovadora forma de traballo en colaboración para coordinar e atopar
sinerxías entre centros tecnolóxicos e empresas de toda Europa”.
A rede abrangue cinco grupos de
traballo centrados cada un nun ámbito diferente: manufactura
eficiente e sustentable, impresión 3D, manufactura avanzada en
renovables en ambientes hostís, nanotecnoloxías e bioeconomía. O
proxecto foi impulsado en 2014 e agora, o ano 2016, logo de que as
contornas xeográficas participantes acadaran financiamento directo
da UE, preséntase como o ano decisivo para o seu pulo final.
ATIGA está no grupo Efficient and
Sustainable Manufacturing, que ten por obxectivo crear unha rede
de demostradores piloto de innovación que posibiliten ás firmas dos
máis variados sectores desenvolver e pór en xogo tecnoloxías e
procesos “altamente eficientes e sustentables”. Nesta área
están en desenvolvemento cinco demostradores orientados aos
seguintes eidos de actividade: á refabricación para
reutilizar as funcións e os materiais de produtos no final da súa
vida útil; á fabricación adaptativa e intelixente de produtos e
compoñentes personalizados; ao desenvolvemento de tecnoloxías de
fabricación avanzadas e sustentables en tratamento de superficies e
revestimentos con polímeros; á planificación integrada dixital e
virtual e ao deseño de procesos de fabricación enerxética e
ambientalmente eficientes.
Os
días pasados os responsables de Vanguard Initiative reuníronse en
Bruxelas (medio milleiro de asistentes) para ultimar a folla de ruta
para 2016, entre outras cousas. ATIGA concorreu de xeito activo
na xuntanza, que abrangueu máis dunha ducia de sesións de
networking operativo.
