A chegada do camareiro virtual revive a fantasía do bar na casa
xoves, 23 de agosto do 2007
Lembro cando aínda era considerado moi chic ter un pequeno bar na casa. Pois
agora xa non fan falta obras no fogar nin estar pendente de limpalo todo
despois de cada festa, nin sequera de conseguir unha listaxe de cocktails, porque “os nosos amigos” os
científicos, veñen de construír a máis sublime dos máquinas: un expendedor automático
de combinados, ou, como os fabricantes prefiren chamalo: un camareiro virtual.
O Virtual
Bartender vén equipado cunha pantalla táctil e conta con conexión á
Rede para que a base de datos de cocktails
poida actualizarse e modificarse, e até poderemos intercambiar receitas con outros seareiros do “bo
beber”. Debaixo da pequena máquina atopamos unha neveira na que se poden conectar
até un total de 16 botellas, e, ademais destas conexións, o aparello inclúe unha
conexión de auga e outra de gas, pensada para que nun futuro os responsables dun
coñecido refresco de cola comercialicen un concentrado da bebida xunto con este
innovador trebello. Un dato interesante: despois de servir cada copa, a máquina
límpase de xeito automático cun chorro de auga quente que remove os restos de
líquido dos caños.
Porén, como ben sabedes, no mundo dos gadgets nada é perfecto, nin moito menos
barato, e se vos gusta a idea de mercar este camareiro virtual xa podedes ir
facendo un bote cos colegas, xa que a
brincadeira vaivos custar 2.575 dólares (algo menos
de 1900 euros).