A curta galega O Xigante abre o Festival de Curtas de Bueu

martes, 3 de setembro do 2013 Redacción

A vila de Bueu convoca a partir de hoxe aos seareiros dos pequenos formatos audiovisuais da nosa terra e de alén de calquera fronteira, xeográfica, xeracional ou estética. Estamos a falar da sexta edición de FICBueu, festival internacional de curtas operativo ata o 7 de setembro e que vai dar acubillo á proxección de 25 obras, sendo O Xigante (peza de animación en 2D e 3D, achegada por Abano Producións e recoñecida en múltiples festivais internacionais) a única representación galega. O certame celébrase no Centro Social do Mar (dous pases ás 20 e ás 22.15 horas), con entradas de balde.
Logo de O xigante, pasarase a montenegrina Sve to (Todo iso, 2012), do realizador Branislav Milatovic. Seguiranlle Sessiz-Bé deng (Silencioso, 2012), do turco L. Rezan Yesilvas, e Oma (2012), unha coprodución entre Brasil e Uruguai dirixida por Michael Wahrmann. A primeira xornada do certame pecharase con Rétention (Retención, 2013), fita dirixida por Thomas Kruithof que chega desde Francia, o país máis representado no festival cun total de nove producións ou coproducións.
Volvendo a O Xigante, dicir que, en palabras da produtora, simboliza o corazón de tódolos pais, homes e mulleres que, a través do seu ollar, revelan o mundo aos seus fillos axudándolles a construír o seu universo, a trazar os seus camiños e a corrixir calquera desvío no magnetismo do seu compás”. O filme, estreado en marzo do ano pasado, colleitou importantes éxitos e galardóns no certame Curtocircuíto de Santiago, AnimaBasauri, Festival de Cans (Premio á Mellor Curta de Animación), Divercine 2012, o Festival de Tofuzi (Georgia) ou o Festival de Brasilia. Tamén foi seleccionado para exhibirse en Los Ángeles, dentro do ciclo Recent Spanish Cinema Series.