A empresa galega TxStockData mellora a súa plataforma tecnolóxica Senseitrade

mércores, 3 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

TxStockData, a startup galega do sector financeiro, mellorou a súa plataforma tecnolóxica Senseitrade, especializada en detectar tendencias en bolsa a partir de información obtida de redes sociais e Internet.
Ata o momento, a plataforma obtiña información de Twitter. Sen embargo, a compañía integrou Reddit para detectar tendencias no foro que poden impactar na cotización en bolsa. David Conde, o seu creador, explica que “entre as distintas redes sociais, Reddit converteuse nun dos principais foros e proba diso é que se trata do sexto sitio máis visitado do mundo e conta con 542 millóns de usuarios mensuais”.
A empresa salienta que Senseitrade é “unha ferramenta sinxela e doada de usar que busca achegar o investimento en bolsa a calquera persoa interesada”. Así, notifica aos seus usuarios sobre os cambios relevantes no mercado e axúdalles a tomar as decisións de investimento correctas. De feito, a plataforma está especializada na análise de sentimento de mercado e tendencias en bolsa a partir de datos extraídos das redes sociais e Internet.
En xeral, a tecnoloxía baseada na intelixencia artificial, emprega algoritmos de procesamento de linguaxe natural para identificar emocións en textos e mensaxes e usa modelos de Machine Learning (aprendizaxe máquina) para interpretar as complexas relacións que existen entre os mercados e estas fontes de información alternativa.
Segundo os promotores, “ a plataforma consegue transformar toda esa información nunha serie de indicadores de sentimento de mercado que dan ao usuario acceso a unha fonte de información facilmente comprensible, única e cada vez máis relevante”.

PUBLICIDADE