A firma galega OpSeeker mellora a saúde financeira da mocidade holandesa
luns, 12 de febreiro do 2018
A firma innovadora
OpSeeker, con sede en Compostela
e especializada en adestramento financeiro en liña, está a levar a
cabo unha importante actividade de asesoramento entre os usuarios dos
sistemas e servizos financeiros holandeses. A empresa, da que falamos
hai pouco para salientar a súa participación na aceleradora de
proxectos tecnolóxicos Startupbootcamp
(sectores fintech e ciberseguridade), estableceu un acordo
con Rabobank e Vivat, dúas das entidades bancarias locais máis
importantes e innovadoras, para estudar xeitos de mellorar a economía
da mocidade do país. Esta traballo con Rabobank e Vitat permitiralle
ao equipo impulsor de OpSeeker, en última instancia, contribuír á
optimización do sistema financeiro holandés. “Isto non é máis
que outra proba de que en Galicia hai talento, e moito”, explican
dende a firma galega.
Como dixemos, a
presenza de OpSeeker en Holanda fortaleceuse o pasado mes de outubro,
cando foi elixida pola aceleradora fintech máis importante de
Europa, Startupbootcamp, con sede en Holanda. A firma galega, de
feito, foi unha das 11 startups,
de máis de 540 que se presentaron á convocatoria, seleccionadas
para o programa de aceleración nos devanditos eidos de actividade.
Gonzalo Camiña Ceballos,
Lucie Hefnerová e Carlos Rodríguez Raposo, 3 dos 4 fundadores da
empresa, están a traballar desde Amsterdam para facer “o seu soño
realidade”. Ou sexa, para fornecer ás novas xeracións dos
recursos que lles permitan mellora a súa saúde financeira. Sen ir
máis lonxe, esta semana, o 8 de febreiro, participarán no Demo
Day da dita aceleradora, evento que os emprendedores galegos
culminan o programa e presentan, perante máis de 400 profesionais do
mundo financeiro europeo, o traballo desenvolvido ao longo dos
últimos tres meses.
Segundo explican, a súa
experiencia en Startupbootcamp foi “inmellorábel”. O programa de
aceleración, de feito, permitiulles traballar diversas partes do
negocio e operar, por exemplo, con profesionais da interpretación e
de creación de contidos para mellorar a súa comunicación. Amais,
dispuxeron do asesoramento de mentores que lles axudaron a fortalecer
áreas tan importantes como o desenvolvemento de cliente e de
produto, a cultura de empresa ou a parte tecnolóxica.
A respecto de toda esta
bagaxe acumulada, Gonzalo Camiña, director executivo de OpSeeker,
sinala que “este programa marcou un antes e un despois na nosa
startup, permitíndonos, entre outras cousas, obter en tres
meses o que en circunstancias normais conseguiríamos en dous anos”.
Porén, tamén recoñecen que o traballo foi duro e que lles ocupou
moitas horas da semana, chegando a vivir, nalgunhas xornadas,
practicamente na oficina de seu. Tamén lles valeu, ademais, para que
Rabobank, o segundo banco cooperativo en Holanda, líder de mercado
nunha chea de segmentos, e Vivat, unha das maiores aseguradoras do
país, fixáranse no labor OpSeeker e na súa proposta principal:
utilizar as finanzas de comportamento a favor do usuario para así
conseguir dúas cousas moi importantes, que os usuarios novos empecen
a entender a importancia de investir a longo prazo e que o se lancen
a investir dunha maneira axeitada.
Para quen non o saiba, as
finanzas “condutuais”, ou finanzas do comportamento, son un eido
que se centra na psicoloxía dos investimentos. Naceu a finais dos 70
da man de Armos Tversky e Daniel Kahneman e este ano o premio Nobel
de Economía recaeu no máximo estandarte desta corrente de
pensamento na actualidade, Richard Thaler, autor de libros como Nudge
(un pequeno empuxón) ou Misbehaving.