A galega Conexiona crea unha aplicación que permite a xestión integral das estacións de servizo
martes, 10 de marzo do 2015
Toca
falar de cousas que facemos dende aquí e que marcan un antes e un
despois en materia tecnolóxica. Ou sexa, toca falar de innovación
galega. Segundo nos contan dende o Parque
Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a empresa Conexiona
(con sede no dito complexo industrial) vén de lanzar ao mercado o
que sería o primeiro software de xestión integral remota para
estacións de servizo (transporte). A tecnoloxía desenvolvida por
Conexiona chámase iPetrol, e será dada a coñecer de maneira
oficial ao longo destes días en Motortec,
o salón de Madrid centrado na industria da automoción e nos seus
avances cara ao sustentable, o eficaz e o seguro.
Lembrar
que iPetrol, malia presentarse coma unha novidade na feira, xa ten
unha experiencia detrás. De feito, a aplicación está implantada en
medio cento de gasolineiras de toda España. Arestora prepara o seu
espallamento alén do Estado.
O
software en cuestión
foi desenvolvido integramente na sede de
Conexiona na Tecnópole. Segundo informan fontes do parque, en
virtude dun acordo de distribución coa
multinacional Lafón España, iPetrol ten
unha previsión de vendas anuais de entre 150 e 200 implantacións.
Neste intre,
existe unha gasolineira en Outeiro de Rei (Lugo) que se está a
xestionar a través de iPetrol, ás que se
suman outras en Estremadura, Madrid e Cataluña.
Segundo
lembran os responsables do seu desenvolvemento, a aplicación é a
primeira que permite unha xestión
integral. E explican: “Existen
outras solucións de xestión pero todas son parciais, para
determinadas utilidades, a nosa é a primeira que permite o control e
o seguimento de
absolutamente todos os procesos da estación de servizo”. Son
palabras de José Antonio Losas, director
de Tecnoloxías da Información da empresa.
O
sistema iPetrol pode manexarse a través
dunha plataforma web ou dunha aplicación móbil adaptada a todos os
sistemas operativos (Android e iOS). Ademais,
é integrable con calquera sistema de
xestión estándar implantado nas gasolineiras. As súas utilidades
permiten o control remoto dos prezos nos monolitos, das luces, das
portas, da alarma e das cámaras de seguridade. Ademais, envía
notificacións inmediatas sobre saltos de alarma, vandalismo,
incendios ou fallos en equipos e compoñentes.
“A
isto”, engaden dende Conexiona, “cómpre sumar a posibilidade de
facer un seguimento constante dos niveis de combustible e de
parámetros de análise como os prezos da competencia, a evolución
das vendas e gráficas para identificar os carburantes e os
subministradores máis rendibles”. Asemade, informan, “integra un
sistema de comunicación cos clientes no caso de que a estación de
servizo funcione sen persoal, a través dun interfono que opera
mediante telefonía por Internet”.
En
definitiva, permítesenos xestionar en tempo real unha soa estación
ou ben unha rede completa de estacións.
A
tecnoloxía iPetrol será presentada na
feira Motortec Automechanika Madrid, onde terá activada unha
demostración
desde mañá mércores e
ata o vindeiro
sábado. O obxectivo de participar neste evento é “incrementar a
visibilidade do produto a nivel internacional”, xa que se trata da
feira profesional líder para a industria do
motor España e é visitada por expertos da
Península Ibérica, América Latina e Norte de África.
Por
outra banda, lembrar que Conexiona non é unha firma principiante no
ámbito de desenvolver recursos que permiten realizar todo tipo de
tarefas de xeito remoto. En
Código Cero temos falado (por exemplo) do seu
paquete integral de solucións para teletraballo baseado nunha
plataforma de software libre,
o
paquete Telwork, creado pola empresa galega logo de ter constatado
que non existía ningunha solución
que integrase todos os servizos necesarios “para
trasladar o posto de traballo á casa nun só paquete”.
