A galega Primux Tech presenta este mes tres novos e competitivos smartphones
martes, 15 de outubro do 2013
Primux
Tech, empresa galega da que temos falado en Código Cero con
motivo da
posta en marcha da súa Android TV ou dos seus dispositivos
Alpha e Omega, vai celebrar o vindeiro 24 de outubro, no salón
de actos do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a
presentación oficial dos seus novos smartphones, que sairán
ao mercado no mes de novembro. Por certo que a posta en longo destes
móbiles intelixentes (Delta2, Alpha3 e Omega3) coincide no tempo
cunha fonda renovación da imaxe da empresa galega, unha remodelación
integral que se desenvolve baixo a etiqueta de Tecnolóxica
lóxica. Precisamente este epígrafe é tamén aplicábel aos
novos modelos, que segundo avanza Primux dispoñen dunhas
características comúns que fan da súa elección “a opción
lóxica” do consumidor.
En boa medida porque, por
pouco diñeiro, pódese dispor dun smarthphone libre con todos
os servizos e avances tecnolóxicos que calquera usuario poida
demandar. Por exemplo: Dual SIM (dúas liñas telefónicas
independentes no mesmo terminal), sistema operativo Android 4.2.2 ou
GPS interno (con independencia da conexión de datos pódese usar o
smartphone Primux Tech como navegador GPS). Asemade, todos
estes aparellos incorporan tecnoloxía 3G, bluetooth, Wi-Fi e cámara
dupla.
Partindo desas
características comúns, o Primux Tech Delta2, o irmán pequeno da
familia, dispón dunha pantalla de 3,5 polgadas, 4GB de memoria flash
(ampliable a 32GB mediante o cartón microSD), 512MB de memoria RAM
DDR3 e unha batería de 1.100 mAH que lle confire unha autonomía en
espera de 7 días.
Pola súa banda, o Primx
Tech Alpha3 é o smartphone máis versátil do grupo, informa
Primux. O seu antecesor, o Alpha2, foi o máis demandado da gama
Primux Tech polos usuarios. Dispón dunha pantalla IPS de alta
resolución de 4,5 polgadas, 8GB de memoria flash (ampliábel a 32GB
mediante a tarxeta microSD), 1GB de memoria RAM DDR3 e unha batería
de 1.600 mAH “que permite un uso prolongado a pleno rendemento se
ter que recargala”, engádese.
E por último, o Primux
Tech Omega3, é segundo informa a empresa galega “o irmán maior e
o máis parecido a unha tablet”. Dispón dunha salientábel
pantalla IPS de alta resolución de 5,3 polgadas, 8GB de memoria
flash (ampliábel a 32GB mediante a tarxeta microSD), 1GB de memoria
RAM DDR3 e unha batería de 2.300 mAH de moi longa duración.
“Este tres exemplos”,
engade a empresa con sede na Tecnópole, “son a clara aposta de
Primux Tech por facer realidade a filosofía de tecnoloxía lóxica,
que radica na premisa básica de que calquera persoa poida acceder á
mellor tecnoloxía e á mellor calidade a un custo moi alcanzable, xa
que se pode dispor dun smartphone libre con dual SIM de última
xeración desde 69 euros, un prezo sen competencia; e todo iso sen
esquecer que Primux Tech, ao ser unha empresa local, dispón dun
servizo técnico que repara ou substitúe o terminal e devólvello ao
usuario nun prazo máximo de 72 horas”.