A industria galega do videoxogo xunta forzas nunha asociación

xoves, 19 de abril do 2018 Marcus Fernández

Para representar os intereses do sector dos videoxogos e os contidos interactivos en Galicia vén de nacer Videoxogo.gal, Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, que busca potenciar a súa industria na comunidade galega servindo de ponte entre as empresas do sector para crear sinerxías e dinamizar o seu sector. Fundan esta nova entidade as empresas Imaxin Software, Datalawyers, Ficción Producciones, Mundos Digitales e Gato Salvaje Studio.
Videoxogos.gal fomentará a competitividade e a internacionalización das empresas galegas dedicadas aos videoxogos e contidos interactivos, así como a transferencia da súa innovación a outros sectores, aplicando novos coñecementos de xeito transversal. Tamén buscan incrementar a oferta de emprego e a especialización dos profesionais, así como colaborar con autoridades e administracións en traballos, estudos, investigacións de mercado, propostas de lexislación, actividades formativos e de I+D...
As súas actividades centraranse na formación especializada para profesionais e en programas de profesionalización dos proxectos empresariais do sector. Porán en valor os produtos desenvolvidos polos membros da asociación e facilitarase a divulgación e difusións dos mesmos, así como tamén fomentarase unha denominación de orixe de calidade e innovación, como un xeito adicional de internacionalizar e promover a cultura galega e a súa experiencia en videoxogos e contidos interactivos.
Esta nova entidade está aberta á participación a calquera persoa física ou xurídica que teñan a súa sede ou actividade social en Galicia, e que teña como actividade principal a creación e desenvolvemento de software de lecer ou participe a nivel profesional na industria dos videoxogos e contidos interactivos. Amais, tamén haberá cabida para persoas que estean a cursar algún ciclo formativo ou universitario relacionado co sector, sendo posible participar como socio colaborador (por parte de empresas interesadas que non sexan do sector) ou socio institucional (entidades públicas). Os interesados poden contactar coa asociación por correo electrónico.

PUBLICIDADE