A nova aplicación Deportes Concello de Ames xa está en Android e iOS
venres, 15 de maio do 2026
O Concello de Ames anunciou que xa está dispoñible para sistemas Android e iOS a aplicación Deportes Concello de Ames, un novo aplicativo para a inscrición nas actividades deportivas, a reserva dos distintos espazos deportivos e a tramitación dos distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais.
Logo de desenvolver o aplicativo Cronos, o Concello de Ames dá un paso máis na dixitalización dos servizos deportivos coa aplicación Deportes Concello de Ames. En concreto, “esta plataforma permite aos usuarios e usuarias inscribirse nas actividades deportivas das Escolas deportivas municipais, facer a reserva dos distintos espazos deportivos, e tramitar os distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais, e todo de xeito doado dende un dispositivo electrónico portátil”, informou o Concello.
Dende o Consistorio apuntan que “accións como a xestión da porta de acceso aos recintos deportivos ou mesmo a activación das luces, poderán facerse facilmente dende esta nova aplicación, a cal tamén permite facer reservas de instalacións para outras persoas ou autorizar a outros usuarios e usuarias para que realicen reservas das pistas deportivas no noso nome”.
A Concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinalou que “dende o departamento de Deportes demos un paso máis para mellorar os servizos dixitais que ofrecemos á veciñanza amesá cunha nova plataforma de xestión de actividades e instalacións deportivas que se denomina Deportes Concello de Ames”.
Señorís destaca que dita aplicación “xa se pode descargar en dispositivos móbiles a través da App Store e no Google Play. Ademais pódese acceder a través de calquera navegador a través da versión web. Esta aplicación permite realizar a inscrición nas actividades que forman parte da programación deportiva municipal, para a reserva dos distintos espazos deportivos (pistas de tenis e pádel), así como tramitar os distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais”.
