A nova pulseira de actividade de Xiaomi aproxímase aos smartwatches

martes, 5 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Xiaomi presentou en China a Xiaomi Smart Band 7 Pro, unha pulseira de actividade que se aproxima moito a un smartwatch no seu factor de forma, aínda que mantén un prezo moi axustado (379 iuans, que ao cambio serían 55 euros), de aí que sexa un produto que ten certo sentido no catálogo do fabricante chinés.
A Xiaomi Smart Band Pro 7 Pro non ten unha pantalla estreita como a Xiaomi Smart Band 7, senón que opta por unha pantalla AMOLED rectangular de 1,64 polgadas e con esquinas redondeadas, cunha correa coa a dun reloxo tradicional dispoñible en distintas cores.
A nova pulseira conserva as prestacións propias da Xiaomi Smart Band 7 (monitor de actividade, rexistro do ritmo cardíaco, monitorización do osíxeno en sangue, supervisión do sono e recepción de notificacións do móbil), pero inclúe tamén un GPS de seu (ou sexa, que pode rexistrar a posición sen ter que tirar proveito do GPS dun smartphone) e NFC (para permitir pagamentos contactless). A pulseira ten unha autonomía de até 12 días de uso moderado e até 6 días de uso intensivo.
Probablemente este produto chegue ao mercado europeo en poucas semanas.

A pulseira véndese con correas de diferentes cores (que tamén poden adquirirse por separado)

PUBLICIDADE