A revista Marie Clare propón a creación do Shephone turrando de tópicos machistas

xoves, 27 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Aínda non queda de todo claro que querían facer os editores da revista feminina Marie Clare coa súa sección denominada “vida sexual” na tentativa de dar un toque de humor nas devanditas páxinas meténdose a argallar o shephone, un teléfono supostamente para mulleres que non está a espertar moitas simpatías. O artigo humorístico en cuestión fai alusión ao feito de que até o de agora os gadgets destinados ás mulleres non son más que os mesmos que para os homes pero de cor rosa e algo máis estilizados, polo que a revista propuxo que o móbil para a muller teña que ter unha serie de funcións dirixidas a axudar á muller cosmopolita de hoxe en día no seu particular día a día.

O primeiro que chama a atención do prototipo do shephone é a incorporación dun vibrador con feitura de coello na súa parte superior, complemento que xunto co dispensador de perfume, o de ansiolíticos e un analizador de alento fan do trebello unha especie de navalla de MacGyver para a supervivencia nas urbes.

Non conformes con estes adiantos, o terminal tamén debería incluír segundo a transcendental revista “feminina”, un dispensador de condóns, un test de embarazo, un láser bronceante, un analizador de voz (“para saber se o noso mozo realmente está onde di”), e un inhibidor de outros móbiles para poder falar tranquilamente sen que as conversas dos demais cos seus respectivos móbiles non se podan levar a cabo até que deamos por finalizada a nosa.

Dende o sitio Wired, a bloguista Sonia Zjawinski, argumenta no seu artigo titulado O shephone non acerta no seu cometido que “fai falta moito para que me sinta ofendida, pero isto é demasiado”. A escritora do coñecido portal (e revista sobre novas tecnoloxías) dixo que o que as mulleres realmente queren dos celulares, é, entre outras cousas, “mellor calidade de audio para poder falar con comodidade”, e a posibilidade de “bloquear chamadas e mensaxes” de certos usuarios molestos. As reaccións aínda non remataron, posto que o gadget corresponderíase coa edición de outubro da revista feminina.

PUBLICIDADE