A sétima edición das JAI quere bater récords de empresas participantes e asistentes
venres, 24 de novembro do 2017
Hoxe a
Universidade de Vigo achegou unha manchea de detalles sobre as
Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización
Industrial, coñecidas por xornadas JAI polas súas siglas en
castelán, cuxa nova edición celebrase en marzo (entre os días 12 e
16) na Escola de Enxeñaría Industrial, coa previsión (e coa firme
vontade por parte dos organizadores) de acoller máis empresas (un
total de 20) e máis propostas innovadoras e intelixentes ca nunca.
As xornadas, impulsadas novamente polo profesor do Departamento de
Enxeñaría de Sistemas e Automática, José Ignacio Armesto, será
nas súas palabras “un espazo de demostración de robótica
colaborativa, impresión 3D e realidade virtual na que centros
tecnolóxicos galegos exporán os seus deseños”.
Segundo engade, a nova edición do evento é un
contexto excepcional para entender, realmente, todo o que rodea aos
conceptos de Industria 4.0, tecnoloxías smart e a robótica
colaborativa, entre outras cousas porque algunhas das firmas
participantes lideran e impulsan proxectos punteiros nestes eidos.
As 20 empresas confirmadas proceden de Europa,
América e Asia e abranguen, practicamente, “todos os ámbitos
tecnolóxicos”. Segundo explica Armesto, as expectativas de
asistencia da organización “son moi elevadas”, principalmente
pola inclusión no programa do showroom de industria 4.0 e
polo crecente interese que existe por coñecer as tecnoloxías de
automatización e robótica. Así, agárdase que se superen os 1.000
asistentes da anterior edición. Novamente, un dos obxectivos é
marcar diferenzas con respecto a outros eventos tecnolóxicos,
apostando de cheo por achegar ás empresas á mocidade, “facilitando
ao máximo que os e as estudantes teñan ocasión de coñecer tanto
aos propios fabricantes dos produtos como ás empresas que son os
seus clientes locais, os que nun futuro próximo lles ofrecerán un
posto de traballo”. O obxectivo, polo tanto, é que “estudantes,
fabricantes e usuarios profesionais poidan interactuar nun contexto
tecnolóxico e universitario”.
O programa,
que abrangue máis de 35 horas de presentacións técnicas e
relatorios, abordará temas como robótica colaborativa e sensitiva,
robótica móbil, seguridade industrial, análise de datos,
ciberseguridade, IoT (Internet das Cousas), xemelgo dixital,
mecatrónica, información a gran escala (Big Data),
intelixencia artificial, comunicacións sen fíos ou eficiencia
enerxética. Para isto, contarase con preto de 50 relatores
procedentes de diferentes cidades e países, que presentarán as
principais novidades e tendencias do sector.
Participarán vellas coñecidas das JAI como
Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e
outras de recente creación como Universal Robots ou MiR.
