Abanca adhírese á loita contra a violencia de xénero cun certame nas redes sociais

venres, 25 de novembro do 2016 Redacción

Unha manchea de entidades, organizacións e empresas da nosa terra uníronse este mes de novembro ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero (este venres 25). Entre estas entidades atópase Abanca, que vén de pór en marcha varias iniciativas coa “finalidade de sensibilizar á cidadanía sobre este problema”. O seu programa de actividades de adhesión ao chamamento internacional contra a violencia inclúe a habilitación de dúas casetas informativas na Coruña (Obelisco) e Pontevedra (Praza de San Xosé) nas que se convidará á cidadanía a sacarse unha foto como “mostra de apoio”. Como complemento disto, Abanca organiza un concurso nas súas redes sociais. No certame participarán as imaxes que a xente se faga no fotomatón das ditas casetas informativas.
O horario destes emprazamentos será de 10.00 a 20.00 horas en ámbolos casos. Previa autorización, as fotos serán subidas ao perfil de Facebook da entidade bancaria galega. A foto que consiga máis adhesións (gústames) gañará un iPad Pro.
Amais do devandito, e para amplificar as actividades do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, todo o cadro de persoal de Abanca carrexará unha fita lazo morada como sinal de apoio á loita contra a violencia de xénero. Estas iniciativas enmárcanse dentro da política de responsabilidade social corporativa da entidade financeira de apoio aos colectivos sensibles ou vulnerables. A campaña de hoxe desenvólvase baixo o seguinte lema: Ponlle fin para ter un principio.