Ábrense as reservas dos primeiros cascos de realidade mixta

mércores, 4 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A realidade mixta de Windows está a piques de chegar, pois o disparo de saída terá lugar o 17 de outubro coa chegada da actualización de outono de Windows 10, e por iso Microsoft decidiu abrir xa nos EE.UU. a reserva dos primeiros cascos de realidade mixta, permitindo así que os usuarios poidan ir elixindo entre os produtos de distintas marcas segundo as súas necesidades e esixencias, á vez que tamén avanzaron algúns detalles sobre este ecosistema prometedor.
Microsoft anunciou a compra de AltspaceVR, unha plataforma para que a xente poida xuntarse en mundos virtuais, que é compatible coa meirande parte das plataformas de VR actuais (Daydream, Gear VR, HTC Vive, Oculus Rift...); confirmou que o 17 de outubro estarán dispoñibles máis de 20.000 aplicacións compatibles coa realidade mixta na Microsoft Store, mentres que os títulos de SteamVR estarán dispoñibles antes do Nadal; e desvelou o casco de realidade mixta de Samsung filtrado hai pouco.
O Samsung HMD Odyssey é un produto moi rechamante, que chegará ao mercado o 10 de novembro, e que pode considerarse como un casco premium para a realidade mixta, que venderase por 499,99 dólares cos controis de movemento e supera aos seus irmáns en campo de visión (110 graos), resolución de pantalla (dobre AMOLED de 3,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 1.600 píxeles) e, un complemento moi atractivo, auriculares AKG de 360 graos (que permiten unha maior inmersión nos contornos virtuais).
Un detalle a salientar é que dos cascos de realidade mixta de saída temos un abano de prezos, de xeito que os cascos máis baratos cos mandos incluídos sairían a 399 dólares (falamos dos modelos de Lenovo e Acer), mentres que Dell e HP colocaríanse nun rango intermedio (449 dólares) e Samsung sorprendería marcando o teito en 499 dólares, de xeito que empataría co prezo actual de Oculus Rift con Touch, e quedaría moi preto de HTC Vive, dando a impresión de que confían en que esta nova plataforma será capaz de superar ás establecidas por ofrecer unha calidade semellante (e incluso superior, no caso de Samsung) cunha vantaxe significativa: a simplicidade de instalación (xa que a realidade mixta non precisa de sensores na habitación, reducindo moito o cableado).
Aínda que a reserva destes cascos non comezou en España, xa é posible anticipar a compra dos de HP a través de Amazon en Reino Unido, saíndo con portes a España en 456,12 euros, un prezo que confiamos que estará moi próximo ao oficial que terá o casco cando chegue polas canles de distribución ordinarias.

PUBLICIDADE