Ábrese a reserva dos novos cascos de realidade virtual de Oculus
martes, 30 de abril do 2019
A
apertura da conferencia F8 serviu para abrir as reservas dos novos cascos
de realidade virtual de Oculus, que finalmente chegarán ao mercado o vindeiro
21 de maio, enfocándose cada un a distintos perfís de usuario e escenarios de
uso.
Temos así como o casco de realidade virtual Oculus Rift por fin mellora,
adaptándose ás novas tendencias, de xeito que dende hoxe podemos reservar o Oculus Rift S, o que supón unha
mellor na resolución de pantalla (a principal debilidade de Oculus), un deseño
máis ergonómico e unha simplificación da instalación ao optar por seguir os
pasos de Microsoft e prescindir de sensores externos de posición que instalar
na habitación para incorporar sensores no propio casco que identifiquen o
contorno (o que reduce o número de cables e libera espazo).
Cun prezo de 449 euros consegue ser relativamente económico e, aparte da súa
venda en liña, espérase que estea tamén dispoñible a través de Amazon, Fnac,
MediaMarkt e outras tendas de electrónica de consumo.
Vídeo de presentación de Oculus Rift S
Sen cables nin ordenador
Pero o casco de realidade virtual máis interesante é, sen dúbida, o Oculus Quest, xa que tería un
funcionamento semellante a Oculus Rift S pero, en vez de conectarse a un
potente ordenador persoal funcionaría de xeito autónomo e sen cables ao
integrar un procesador Qualcomm Snapdragon 835, de xeito que os xogos e
aplicacións de realidade virtual corren automaticamente no propio casco (sendo
posible proxectar o que está a ver o usuario nun televisor para poder compartir
a experiencia de uso).
Dado que Oculus Quest ofrece 6 graos de liberdade, ou sexa, que permite ao
usuario moverse no espazo rexistrándose os seus movementos, e carecer de cables,
ofrece unha experiencia moito máis libre que outras solucións de realidade
virtual, aínda que a potencia non sexa tan elevada.
Aínda que o procesador das Oculus Quest non pode rivalizar co dun ordenador persoal,
conseguiron que o rendemento sexa dabondo como para poder gozar do popular xogo
de ritmo Beat Saber, que vaia poder
contar co título de boxeo Creed ou
que conte entre os seus títulos de lanzamento con Vader Immortal, grandes reclamos para animarán a moitos a darlle
unha oportunidade a esta experiencia de VR que como principal atranco terá
agora o seu prezo, xa que continúa a ser máis elevado que o dunha consola de
sobremesa.
As Oculus Quest con 64 GB de almacenamento custarán 449 euros, mentres que a
versión con 128 GB custará 549 euros, prezos que non están ao alcance de todos
os petos, pero seguen a ser máis asumibles que as versións para PC, xa que non
precisan dun ordenador de alta gama para poder gozar de completas experiencias
de realidade virtual, de aí que moitos confíen en que poidan converterse no meirande
grande salto na adopción realidade virtual no ámbito doméstico dende o lanzamento
de PlayStation VR.
Vídeo promocional de Oculus Quest