Actívase o grupo de traballo para crear contidos innovadores ao abeiro de Abalar
luns, 28 de xaneiro do 2019
A
iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar prosegue coa chegada de 2019
desenvolvendo as liñas de actuación marcadas o curso anterior para
estender a educación integramente dixital en Galicia. Entre
as iniciativas programadas pola Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Educación
atópase a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa
implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual.
Nesta recta final de xaneiro vén de ficar conformado o grupo de traballo de
traballo que desenvolverá a iniciativa. A xuntanza levouse a cabo na
Cidade da Cultura e nela participaron a directora da AMTEGA, Mar
Pereira, o subdirector xeral de Ordenación e
Innovación Educativa e Formación do profesorado, Iván Mira, o
director xeral da empresa
Everis de Asturias e Galicia, Jesús Lage, e o director xeral de R en
Galicia, Alfredo Ramos, xunto cunha decena de profesores de
diferentes materias e centros educativos galegos para realizar, en
palabras de AMTEGA, “unha primeira
aproximación de necesidades, liñas de traballo e obxectivos no
medio prazo”. Segundo engadiu a
axencia, est equipo multidisciplinar abordará “a xeración
de contidos dixitais aproveitando as capacidades técnicas e
innovadores dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Galicia, e os
coñecementos pedagóxicos do profesorado galego así como as súas
necesidades”. Desta maneira, o profesorado realizará a proposta de
contidos (materia, curso, unidade didáctica e metodoloxía
pedagóxica), e definirá os obxectivos, competencias, esquemas e
materiais adicionais. Sobre esta base as empresas TIC e do
audiovisual implicadas elaborarán recursos aplicando as
tecnoloxías máis innovadoras: realidade aumentada, realidade
virtual, simulación, gamificación, intelixencia artificial,
aprendizaxe personalizada e adaptativa...
A
axencia que dirixe Mar Pereira sinala que a previsión é que antes
de que remate este curso o propio profesorado do grupo de traballo
empregue os contidos na aula para comprobar o seu valor pedagóxico e
a súa validez no proceso de ensinanza-aprendizaxe dos centros
educativos de Galicia. Unha vez validados, os contidos serán
distribuídos a toda a comunidade educativa galega a través das
plataformas do Proxecto Abalar.
Recursos multimedia e actividades interactivas
Ademais
das 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex
Learning e Edebé, e os máis de 3.200 contidos dixitais creados
polos propios docentes, e integrados xa na plataforma do libro
dixital dende o comezo do proxecto, neste curso sumáronse as
unidades, os recursos complementarios e o acceso ao banco de contidos
da Editorial Planeta, e os contidos educativos (Dixital Book,
libro do alumnado incluíndo os recursos multimedia e as actividades
interactivas, e Activities, as actividades interactivas e
complementarias ás actividades do libro do alumnado) de Inglés da
Editorial Pearson. Adicionalmente puxéronse en marchas novos
contidos dixitais personalizados (Smart) do provedor Netex
Learning.
AMTEGA
lembra que o uso destes novos contidos, tanto dos novos
subministradores incorporados, como dos contidos Smart, xa
alcanza a un 35% dos usuarios do proxecto.
Suba dun 84% no uso da plataforma dixital
O
curso pasado iniciouse a integración progresiva dun paquete de
melloras para seguir estendendo a educación dixital a máis centros.
Tras unha serie de importantes impulsos nos dous primeiros meses do
curso actual (renovación de equipamento, incorporación dun terceiro
provedor, entrada en funcionamento do servizo de atención Premium
para familias, alumnado e profesorado, optimizacións da
conectividade nos centros docentes, etc), rexistrouse un incremento
do 84% no número de usuarios que acceden á plataforma do libro
dixital respecto ao curso pasado, acadándose un uso diario (por
parte do alumnado e profesorado actualmente participante no proxecto)
próximo ao 88%. A incorporación dun novo provedor da materia de
inglés era outra das medidas previstas nesta iniciativa do Abalar,
concibido en palabras de AMTEGA “como un proxecto vivo”, que
evoluciona do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”,
un equipo “que acompaña ao alumnado en toda a súa actividade
educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o
acceso a todos os recursos educativos dixitais”.
A día de hoxe son Abalar (aulas dixitalizadas con encerado dixital,
proxector, equipo para o posto do profesor e conexión a Internet)
máis de 6.000 aulas de 5º e 6º de Educación primaria, toda
Educación Secundaria e Bacharelato de 900 centros públicos,
beneficiando a máis de 120.000 alumnos.
