Altek anuncia o seu obxectivo fotográfico externo para móbiles

xoves, 26 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Sony causou sensación cando acompañou a presentación do seu XPERIA Z1 cun par de obxectivos fotográficos externos para smartphones, que facilitan a captura de fotografías de grande calidade dende o móbil separando fisicamente a cámara do móbil nun concepto tan curioso como versátil do que xa hai imitacións, como a cámara Altek Cubic, que vén de presentarse en Taipei, e que en 52,5 x 45 x 26 milímetros encerra unha cámara cun sensor CMOS de 13 Mpíxeles e zoom óptico de 3x que pode emparellarse con smartphones e tablets a través de Bluetooth por NFC e Wi-Fi. Tamén pode gravar vídeo a 1.080p, é compatible con smartphones con Android 4.0 ou superior e incluso ten previsto contar cunha aplicacións para iOS que no futuro permita o seu uso dende dispositivos de Apple.
Este accesorio de só 65 gramos de peso destaca especialmente polo seu prezo axustado (2.980 dólares de Taiwán, que ao cambio serían 72,57 euros ao cambio) e por contar cun deseño atractivo para un público mozo (venderase en numerosas cores). Este tipo de dispositivo ten como grande vantaxe o permitir desvincular a elección de móbil á súa cámara, polo que quen demande unha boa cámara pode optar por unha solución deste tipo, mantendo o seu terminal actual e sen ter que adquirir un smartphone de alta gama.

A nova cámara Altek Cubic permite disparar fotografías de 13 Mpíxeles dende móbiles con Android 4.0 ou superior

PUBLICIDADE