Alto’s Odyssey convida a relaxarnos facendo sandboarding

mércores, 21 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Nos anos 2015-2016 tivo unha magnífica acollida de público e crítica o xogo de snowboarding sen límites Alto’s Adventure, con versións para iOS e para Android (esta última, de balde con anuncios e compras na aplicación), polo que non é de sorprender que fixesen unha secuela que tiña previsto o seu lanzamento para mañá, pero que xa está hoxe dispoñible na App Store a un prezo de 5,49 euros.
Alto’s Odyssey volve amosar uns gráficos sinxelos pero fermosos, cunhas paisaxes infinitas que percorrer, aínda que desta volta múdase o snowboarding polo sandboarding, para darlle un toque un tanto diferente. Deste xeito podemos voar sobre dunas barridas polo vento, atravesar canóns, explorar cidades-templo ocultas... mentres polo camiño grindamos por vides, rebotamos sobre globos aerostáticos, deslizámonos por altas paredes rochosas e fuximos de lémures mentres descubrimos os misterios que agocha o deserto.
A mecánica do xogo é moi sinxela, consistente en pulsar a pantalla en momentos determinados e con certa duración para realizar combos e superar distintos obxectivos, aínda que non son poucos os que prefiren prescindir do modo normal de xogo con puntuacións e optan polo modo zen que convida a relaxarnos mentres escoitamos a banda sonora do xogo e percorremos o infinito deserto. Tamén contaremos con modo fotográfico ao premer o botón de pausa, para así poder recoller en imaxe a paisaxe contemplamos nun momento determinado.
O protagonista deste xogo é Alto, aínda que conta con 6 personaxes desbloqueables máis, con cadanseus atributos e habilidades.

Tráiler de Alto’s Odyssey

PUBLICIDADE