Ana Garriga é a nova directora da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense

mércores, 3 de abril do 2013 Redacción


A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense xa ten nova directora, trátase de Ana Garriga, profesora titular de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo e experta no impacto das TIC nos dereitos humanos. Elixida pola Xunta do Centro este martes 2 de abril, Garriga dirixirá a ESEI durante os vindeiros tres anos co propósito de dar continuidade á liña de traballo desenvolvida ata a actualidade e consolidar o alumnado e as titulacións deste centro. A candidatura -con 34 votos a favor, tres en contra e dúas abstencións nas votacións celebradas- de Ana Garriga foi proclamada pola Xunta do Centro que está composta por todo o profesorado con vinculación permanente e representacións do persoal docente e investigador sen vinculación, do alumnado e do persoal de administración e servizos.
Cómpre engadir que o equipo da nova dirección da ESEI estará formado case polas mesmas persoas que viñan ocupando a dirección da escola nos últimos anos: Francisco Javier Rodríguez (subdirector de Sistemas e Infraestruturas); María José Lado (subdirectora de Organización Académica) e Eva Lorenzo (subdirectora de Calidade e Adaptación ao EEES). Emporiso, existe un novo membro, Arturo Méndez, que substitúe a Alma Gómez na secretaría da ESEI.
Ana Garriga posúe unha variada traxectoria no eido da docencia e da investigación dentro da Universidade de Vigo. Subliñar que a nova directora do ESEI é experta no impacto das TIC nos dereitos humanos e en lexislación sobre protección de datos e sistemas de información, foi durante varios anos docente no seu Máster en Software Libre e da materia de Fundamentos éticos e xurídicos das TIC nos estudos de grao. Na actualidade é directora do Laboratorio da Sociedade da Información e Dereitos Humanos da Universidade de Vigo. E engadir que entre os postos de xestión que ten ocupado ao longo da súa traxectoria profesional están a dirección da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o vicedecanato da Facultade de Dereito de Ourense.