Apple adianta na WWDC numerosas novidades que chegarán ao público no outono

luns, 5 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar unha nova edición da WWDC, encontro de desenvolvedores para sistemas de Apple, que xuntou a 5.300 participantes de 75 países, destacando Tim Cook ao subir ao escenario durante a conferencia inaugural que nunca é cedo ou tarde para botarse a programas, o que quixo ilustrar cun neno australiano de 10 anos que xa ten 5 apps publicadas e unha xaponesa de 82 anos que leva só uns poucos meses programando.

tvOS

Cook quixo repartir a conferencia en 6 grandes temas, comezando por tvOS, que como grande anuncio tería a chegada do servizo Prime Video de Amazon ao Apple TV, o que facilitan o acceso a numerosos contidos que até o momento estaban afastados dos televisores conectados a trebellos de Apple.

Apple Watch

O segundo bloque para Cook é o Apple Watch, que estreará watchOS 4, con esferas potenciadas por Siri, funcións de adestramento intelixentes e unha nova experiencia musical. Esta actualización chegará no outono, e aínda que as súas novas funcionalidades sexan interesantes, para moitos o máis visible será que agora contará con esferas dos personaxes de Toy Story e tamén contará con novas correas que chegarán de cara ao verán.
O reloxo tampouco esquece Apple Pay, e con watchOS 4 permitirá realizar pagamentos entre persoas dun xeito áxil, facilitando a transferencia de cartos a amigos e familiares, empregando Mensaxes ou Siri.

Mac

Aínda que os ordenadores persoais parecían os grandes esquecidos de Apple, nesta edición da WWDC parecen querer corrixir un chisco a situación, e aproveitaron o encontro para presentar novidades tanto de hardware como de software.
No software destacou especialmente a presentación de macOS High Sierra, a nova iteración do sistema operativo de Apple que centra as súas melloras no almacenamento, no vídeo e nos gráficos; ou sexa, que a partires de agora o sistema de ficheiros que empregará Apple de xeito predeterminado xa non será HFS senón APFS, máis adaptado ás tecnoloxías de almacenamento actuais; no que a vídeo se refire, adóptase o estándar de vídeo HEVC (H.265) para o streaming e a reprodución de contidos en 4K; e os gráficos en xeral mellorarán con Metal 2 á vez que o novo hardware facilitará a entrada de Apple na creación de contidos de realidade virtual, de xeito que nuns meses será posible traballar con SteamVR e HTC Vive en equipos de Apple, sendo posible incluso empregar fluxos de traballo de 360 graos en ferramentas como Final Cut Pro X, deixando claro que Apple non quere quedar atrás nunha tecnoloxía emerxente con tanto potencial.
A nivel de hardware tamén teremos novos equipos das familias iMac, MacBook e MacBook Pro, aínda que o máis importante dos anuncios foi que en decembro sairá á venda o iMac Pro, o equipo máis potente deseñado por Apple até o momento que terá un prezo de saída de 4.999 dólares.

iOS

Chegou a hora de dar conta de iOS 11, actualización do sistema operativo móbil de Apple que chegará aos usuarios no outono, e que posiblemente será a versión máis importante para os iPad até a actualidade (por contar con numerosas funcións de multi-tarefa e produtividade), aínda que tamén incluirá novidades como a posibilidade de abrirse a novas experiencias de realidade aumentada, gozará dun uso máis natural de Siri, mellorará a aplicación de cámara (e as posibilidades das Live Photos), estreará un modo de non molestar durante a condución e incluso contará cunha App Store totalmente redeseñada (que contará con 5 grandes apartados: Hoxe, Xogos, Apps, Actualizacións e Busca).

iPad

Dado que moitas das novidades de iOS 11 estaban dirixidas ao iPad, dende Apple quixeron aproveitar a ocasión para renovar o iPad Pro, de xeito que agora diremos adeus ás 9,7 polgadas e nos novos modelos estarán dispoñibles en 10,5 e 12,9 polgadas, contando ambos cunha pantalla con tecnoloxía ProMotion (cun refresco adaptable de até 120 Hz) e un procesador A10X Fusion que achega un grande rendemento. Poderanse completar cun teclado externo e cun Apple Pencil, accesorios que están a gañar cada vez máis protagonismo para facilitar o uso desta tableta como unha ferramenta de traballo e creatividade.

Vídeo promocional do novo iPad Pro

Música

O derradeiro bloque da presentación de Apple destinouse a confirmar o rumor que levaba meses circulando: Apple prepara unha alternativa ao altofalante Amazon Echo. O novo produto responderá ao nome de HomePod, e aínda que si contará coas funcións propias do trebello de Amazon, parece máis centrado na reprodución musical, de xeito que coidou máis a súa fidelidade sonora e a súa adaptación ao espazo que o seu asistente de voz. De feito, HomePod busca ser un accesorio moi ligado a Apple Music, facilitando así o acceso a un catálogo de máis de 40 millóns de cancións no fogar, aínda que inicialmente o produto só se comercializará en Australia, Reino Unido e EE.UU. este mes de decembro a un prezo de 349 dólares, mentres que o resto do mundo terá que agardar a 2018 para facerse con este accesorio cilíndrico de menos de 18 centímetros de alto, que estará dispoñible en cor branca ou antracita.
O HomePod non só sería un altofalante, senón que tamén podería empregarse como o corazón da domótica doméstica, de xeito que podería aproveitarse para controlar os dispositivos compatibles con HomeKit que teñamos no fogar tanto mediante ordes de voz como a través do noso teléfono cando non esteamos na casa.

Vídeo de presentación do HomePod

PUBLICIDADE