Apple continúa a relaxar as condicións para publicar aplicacións fóra da App Store en Europa

xoves, 2 de maio do 2024 Marcus Fernández

A tensión entre a Comisión Europea e Apple non cesa, pois a compañía de Cupertino ten a teima de ceder o mínimo posible ao abrirse á competencia en virtude da Lei de Mercados Dixitais (DMA), e para evitar ter que enfrontarse a importantes sancións anuncia hoxe novas medidas para desenvolvedores que de seguro que serán ben recibidas.
Un dos anuncios realmente era evidente: aseguran que despois de que a Comisión Europea estendese a DMA ao sistema operativo dos iPad non teñen máis remedio que facilitar a mesma apertura actual de iOS a iPadOS, o que suporá que poidan existir tendas de aplicacións de terceiros para a tableta de Apple, facilitando así, por exemplo, que Epic Games poida lanzar unha tenda de seu e facilitar así o retorno de Fortnite ao iPhone e ao iPad en Europa.
Pero a novidade máis importante das feitas hoxe foi á relativa á taxa de 0,50 euros por instalación e ano que Apple esixía ás aplicacións que non estivesen dentro da App Store, o que en moitas ocasións considerábase un auténtico abuso por parte de Apple, e finalmente relaxaron as condicións para cobrar esta taxa, facilitando que as aplicacións de balde que carezan de ningún tipo de monetización estean libres de cargas adicionais, o que será unha grande oportunidade para a distribución de aplicacións gratuítas que queiran distribuírse de xeito independente da tenda de aplicacións de Apple ou que non se cingan ás súas políticas.
Para os pequenos desenvolvedores (que ingresen menos de 10 millóns de euros ao ano) tamén se establece unha exención da taxa mencionada durante 3 anos, e se nese tempo non conseguen superar o millón de instalacións, continuarán a estar libres da polémica taxa. No caso de que o desenvolvedor consiga superar os 10 millóns de euros en ingresos (sen sobrepasar os 50 millóns de euros) durante o período de graza tería que pasar a pagar a taxa a partir do primeiro millón de instalacións (até un límite de 1 millón de euros ao ano).

PUBLICIDADE