As JAI recuperan neste 2022 a presencialidade nunha edición récord en participantes e conferencias
martes, 15 de febreiro do 2022
A
UVigo
compartiu detalles de interese sobre a vindeira edición (a oitava)
das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización
Industrial (JAI), que chegan este 2022 a un intre histórico da
súa andaina: a recuperación, logo dos intres máis críticos da
pandemia, do formato presencial (que obrigou á celebración das JAI
en modo virtual en 2020). Porén, esta volta ao “formato máis
tradicional” non impedirá que se siga mantendo a oferta de postos
virtuais.
As
xornadas celébranse do 14 ao 18 de novembro, novamente na Escola de
Enxeñaría Industrial. Segundo fai saber o gran impulsor das JAI, o
docente e investigador da UVigo Ignacio Armesto, o programa de
relatorios será “a verdadeira alma do evento”.
Segundo
destaca Armesto, a nova edición das JAI, que xa pendurou o cartel de
“cheo” a 10 meses da celebración do evento, estará tamén
marcada pola consecución de novos récords, en canto ao número de
firmas participantes e conferencias, así como pola incorporación de
novidades no seu programa, ao que se suman a celebración de mesas
redondas e unha gran exposición robótica. “As cifras son as
mellores acadadas ata hoxe nunha edición presencial. E é que
falamos dun programa con máis de 40 conferencias, catro mesas
redondas e máis de 30 firmas partner participando , todas
elas multinacionais de recoñecido prestixio no sector. Sen esquecer
o acto de apertura, que contará cun programa adicional de catro
relatorios plenarias de auténtico luxo”, detalla Armesto.
Mesas
redondas, exposición robótica e postos físicos e virtuais
Entre
as novidades no programa destacan unha serie de mesas redondas,
xurdidas a raíz de varios eventos virtuais e presenciais organizados
nos últimos anos, moitos deles en colaboración con ISA España e
AER Automation e que contaron cunha destacada asistencia de
profesionais. Nas catro mesas redondas que se celebrarán en sesión
de tarde de luns a xoves, participarán un máximo de seis persoas:
dúas representantes de firmas, outras tantas de usuarios finais que
utilizan con éxito nas súas empresas solucións relacionadas coa
temática tratada e unha persoa moderadora. “En canto ás
temáticas, pode ser calquera relacionada coa Industria 4.0, como por
exemplo: ciberseguridade, dixitalización, edge/cloud computing,
robótica colaborativa ou condition monitoring”, enumera o
coordinador das JAI.
Por
outra banda, a 8ª edición das JAI acollerá “a gran exposición
robótica que non puidemos facer no acto oficial de apertura das
edición dixital, pero vitaminada”, avanza Armesto. Polo que
respecta ao Showroom Industrial 4.0, a situación actual non permite
organizar este ano un similar ao de 2018 con máis de 30 expositores
simultáneos durante toda a semana, “pero si intentaremos ofrecer
unha versión reducida con sete ou oito postos nos que as firmas que
participan en cada sesión terán a oportunidade de presentar o seus
produtos”. Así mesmo, manterase a oferta de postos virtuais, que
xa se utilizaron no portal das Digital JAI’2020.
