As novas tarifas de O2 xa son definitivas

luns, 30 de agosto do 2021 Marcus Fernández

As novas tarifas de O2 xa non indican que o seu prezo só está garantido por 9 meses

Nos últimos meses o operador de baixo custo de Telefónica, O2, estivo a xogar coas súas tarifas anticipándose á actualización da listaxe de concellos con competencia en fibra óptica, nos que deixarían de estar regulados os seus prezos, de aí que en maio lanzasen unha tarifa de 500 Mbps de fibra e 30 GB de datos móbiles por 44 euros/mes e que este mesmo mes estreasen unha tarifa de fibra de 100 Mbps e 25 GB de datos móbiles por 38 euros/mes, estando ambas tarifas suxeitas a dispoñibilidade xeográfica e condicionadas no tempo á listaxe de concellos aprobada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que entendemos que finalmente actualizouse, xa que as 2 novas tarifas figuran agora na web do operador como «sen letra pequena» e con «prezo final», eliminándose os 9 meses de promoción que mencionaban inicialmente en previsión do prazo máximo que tardaría a CNMC en mudar a relación de cidades con competencia na fibra.
Dende a CNMC aínda non comunicaron oficialmente a actualización das poboacións con competencia en fibra óptica, pero se atendemos aos borradores publicados con anterioridade temos que Galicia pasa de ter competencia unicamente na cidade de Vigo a poder contar cunha maior flexibilidade comercial tamén en Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Noia, Oleiros, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Cambados, Cangas, Marín, Moaña, Pontevedra, O Porriño, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa, polo que a meirande parte da poboación galega poderase beneficiar de mellores prezos no sector das telecomunicacións.

PUBLICIDADE