As oportunidades de financiamento europeo en I+D+i, nos Galicia Innovation Days de FEUGA
luns, 4 de outubro do 2021
Na
recta final de outubro, a nosa terra vai estar máis ca nunca no
epicentro da innovación europea. Estarao grazas ao evento Galicia
Innovation Days, organizado por FEUGA e a Xunta con vocación
e alcance claramente internacionais e destinado a “mostrar as
oportunidades de financiamento europeo en materia de I+D+i”. As
xornadas celebraranse en formato online do 25 ao 29 de outubro
e contarán con expertos internacionais nos ámbitos da saúde, a
enerxía, o medio ambiente, a agroalimentación e a industria.
Pacto
Verde Europeo
O
Pacto Verde Europeo (EU Green Deal) ten como obxectivo lograr
que a economía europea sexa sustentable e conseguir a neutralidade
climática en 2050. Segundo nos lembra FEUGA é “a gran aposta da
UE á que o programa Horizonte Europa dedica unha das liñas
estratéxicas de financiamento á investigación e o
desenvolvemento”. A importancia desta área terá o seu reflexo no
evento internacional, Galicia Innovation Days, organizado pola
Xunta de Galicia e FEUGA, que dedicará unha xornada completa a
reflexionar sobre o clima, a enerxía e a mobilidade. Entre outras
propostas, contará cunha mesa redonda na que expertos internacionais
reflexionarán sobre como a Comisión Europea está a apoiar ese
camiño cara á neutralidade climática.
Ademais,
presentaranse proxectos innovadores que contan con axudas europeas.
Entre os máis destacados atópase a análise dos aspectos sociais da
transición ás enerxías limpas que investiga o proxecto Entrances,
unha iniciativa da que forman parte catorce organizacións e que está
coordinada pola Universidade da Coruña. Tamén o proxecto
internacional Bac-To-Fuel que presentará os seus avances na
investigación para a produción avanzada de biocombustibles
renovables.
A
presentación destes traballos internacionais, nos que participan
grupos de investigación e innovación galegos, centrarán a sesión
dedicada ao clima, a enerxía e a mobilidade do Galicia Innovation
Days 2021, Towards Horizon Europe.
Un
evento internacional e gratuíto
O
evento internacional, organizado pola Fundación Empresa Universidade
Galega (FEUGA) e a Consellería de Cultura e Educación, é de carácter gratuíto e ten como obxectivo
dar a coñecer as novas oportunidades de financiamento que se abren
en Europa para os grupos de investigación e as empresas.
As
xornadas celebraranse en formato online do 25 ao 29 de outubro
e contarán con expertos internacionais nos ámbitos da saúde, a
enerxía, o medio ambiente, a agroalimentación e a industria, entre
outros. O evento, que abordará as distintas áreas temáticas do
programa Horizonte Europa, contará con mesas redondas, conferencias,
exposicións de proxectos, workshops e a posibilidade de
establecer contactos entre os participantes.
Mesas redondas
A
primeira mesa redonda preséntase baixo o título Mellora da
calidade de vida e desafío do envellecemento saudable.
Os relatores, Willeke van Sataalduinen (AFEdemy), Beatriz Piñeiro
(Galaria), Maribel Doval (UVigo) e Manuel Collado (IDIS), analizarán
o desafío da inclusión das persoas maiores, o seu benestar e o
envellecemento da sociedade. Como complemento desta primeira xornada,
xa pola tarde, celebrarase unha sesión sobre a evolución, os casos
de éxito e as oportunidades de Interreg en Galicia, así como unha
xornada de traballo na que se explicarán os requisitos de
divulgación, explotación e comunicación para proxectos de
Horizonte Europa.
O
cambio climático e a degradación ambiental son unha ameaza
existencial para Europa e o mundo. Para superar estes desafíos,
Europa lanza o Pacto Verde Europeo e, en liña coas súas
prioridades, o Clúster 5 de Horizonte Europa ten o obxectivo de
acelerar as transicións xemelgas verde e dixital e as
transformacións asociadas á economía, industria e sociedade para
lograr a neutralidade climática en Europa para 2050.
Para
iso, o grupo de debate Como apoiar a transición cara a unha
Europa climáticamente neutra? contará cos expertos Vicente
Pérez Muñuzuri (CRETUS), Ettienne Vignali e Hans-Marin Neumann de
SCALE, Komminos Angelakoglou (CERTH) e María Loureiro (ECOBAS).
Seguindo a mesma liña temática celebrarase a mesa redonda
Transformación dixital da industria da UE: cara a unha industria
sustentable, resiliente e centrada no ser humano.
FEUGA
lembra que a área da Agroalimentación é outro dos puntos
estratéxicos dentro do programa Horizonte Europa xa que “o
coñecemento e a innovación son esenciais para conseguir un sector
agrícola intelixente, resiliente e sustentable”. Nesta liña, no
grupo de debate PAC Post 2020 - Os sistemas de innovación do
coñecemento agrícola explicará a importancia de fomentar a
creación de ferramentas de coñecemento e innovación agrícolas
sólidas para impulsar a iniciación e o desenvolvemento de proxectos
de innovación e a difusión dos seus resultados. Unha mesa redonda
na que participarán Inge Van Oost, responsable de políticas de
innovación e investigación na Dirección Xeral de Agricultura e
Desenvolvemento Rural da Comisión Europea (DG AGRI); a italiana
Simona Cristián, do Consello de Investigación e Economía Agrícola
(CREA); Mark Gibson, responsable do departamento de Difusión e
Innovación de TEAGASC, e a responsable da área de Proxectos
Europeos de FEUGA, Almudena Justo.
Por
último, celebrarase a mesa redonda Terra, océanos e auga para a
acción climática onde se tratará a necesidade de investigación
para mellorar a comprensión dos impactos do cambio climático ou
como reducir as emisións de GEI das prácticas agrícolas, entre
outros aspectos que desenvolverán relatores como Sebastián
Vilasante, da USC e Aris Karageorgis, director do Instituto de
Oceanografía-HCMR.
Ideas
inspiradoras
As
xornadas de Galicia Innovation Days complementaranse con ideas
inspiradoras, onde se presentarán proxectos que xa se están levando
a cabo e que contan con axudas europeas. Na primeira sesión,
Estratexias para combater o cancro, Anxo Carracedo (USC)
presentará os avances en B-CAST, investigación sobre a ratificación
do cancro de mama, e Isabel Pastoriza (UVigo) exporá o proxecto
BioCellPhe.
No
ámbito do clima, a enerxía e a mobilidade, contan con financiamento
europeo traballos sobre Aspectos sociais da transición a ás
enerxías limpas, Produción avanzada de biocombustibles
renovables e Aumentar a resiliencia das
infraestruturas de transporte terrestre. Todos eles
protagonizarán unha xornada na que presentarán os resultados
obtidos ata o momento e as súas posibilidades de continuidade.
Nas
ideas inspiradoras sobre agricultura e clima presentaranse os
proxectos CO-UDlabs sobre a construción de comunidades colaborativas
de laboratorios de investigación de drenaxe urbana, e SoildiverAgro
sobre a mellora da biodiversidade do chan nos agroecosistemas
europeos.
Galicia
Innovations Days completarase coa presenza de destacados
relatores internacionais, o asesoramento dos puntos de contacto
nacionais e a posibilidade de que os asistentes poidan celebrar
reunións individuais para buscar novas sinerxías ante as
oportunidades que abren as novas convocatorias do programa Horizonte
Europa.
O
programa completo, na web de Galicia
Innovation Days. Tamén podemos
facer o rexistro.
