As cidades galegas terán 4G de Telefónica en 2014

mércores, 13 de novembro do 2013 Redacción

Manuel Alonso, director da operadora en Galicia

Telefónica amosouse especialmente activa esta semana con relación á nosa terra. Sen ir máis lonxe, o luns estivo en Compostela para lanzar a mensaxe de que a crise rematou e, tamén, para anunciar a posta en marcha dun centro de emprendemento no Gaiás (na Cidade da Cultura); e agora volve á carga cun anuncio que non só ten interese para os usuarios galegos dos seus servizos, senón para todos aqueles que algunha vez, nos últimos tempos, chegaron a pedirlle ao seu móbil algo máis do que este lles podía dar. Falamos da tecnoloxía 4G, que é o seguinte paso da tecnoloxía que nos permite conectarnos á Rede a través do noso aparello. Pois ben, Telefónica fixo saber este martes que as principais cidades galegas terán o devandito servizo (infraestruturas propias da compañía) en 2014. Con todo, tamén informa que na nosa terra a operadora xa fornece ao cliente estas solucións, nas principais cidades, aínda que a través de redes alleas.
A nivel xenérico, a operadora lembra que comezou a prestar servizos coa súa rede propia 4G desde o pasado mes de outubro en 28 municipios de todo o Estado, e que neste mes outras 23 cidades vanse unir á cobertura de banda larga móbil de Telefónica. “Desta maneira”, informa, “a compañía despregaría máis de 1.500 nodos de cuarta xeración en tan só dous meses”. Máis en detalle, entre os meses de outubro e novembro as poboacións con servizo e cobertura 4G de Telefónica son Alacante, Badalona, Barcelona, Cornellà de Llobregat, Esplugues de Llobregat, L’Hospitalet de Llobregat, Prat de Llobregat, Sant Adrià de Besòs, Sant Boi de Llobregat, Santa Coloma de Gramenet, Palma de Mallorca, Alcalá de Henares, Alcobendas, Alcorcón, Fuenlabrada, Xetafe, Leganés, Madrid, Móstoles, Parla, Pozuelo de Alarcón, San Sebastián de los Reyes, Torrejón de Ardoz, Sevilla, Málaga, Murcia, Valencia, Valladolid, Zaragoza, Benidorm, Elxe, Orihuela, Torrevieja, Cáceres, Alxeciras, Cádiz, Chiclana, Porto de Santa María, Xerez de la Frontera, San Fernando, Fuengirola, Marbella, Mijas, Vélez-Málaga, Cartaxena, Lorca, Gandía, Manises, Sagunto, Torrent e Badaxoz.
En decembro Telefónica ten o obxectivo de completar a cobertura 4G, previsión de 2013, até chegar a outros 16 concellos, o que significa instalar ao redor de 440 nodos que se sumarán aos máis de 1.500 xa despregados entre outubro e novembro. Isto quere dicir que a finais de ano a operadora “despregaría rede propia e servizos 4G en 65 municipios de máis de 100.000 habitantes coa instalación de ao redor de 2000 nodos”. Esta achega significará unha cobertura dun 50% da poboación, ao redor duns 20 millóns de habitantes, engade a compañía. Os concellos que se incorporarán en decembro son Almería, El Ejido, Roquetas de Mar, Córdoba, Granada, Huelva, As Palmas de Gran Canaria, Telde, Alcalá de Guadaira, Dos Hermanas, Barakaldo, Bilbo, Guetxo, Santa Cruz de Tenerife, Xaén e Mérida.
Xa ao longo do primeiro semestre do ano vindeiro será a quenda dos concellos galegos. Así, segundo informa Telefónica incorporaranse nese treito outros 39 municipios da contorna dos 70.000 habitantes, e outros 750 nodos adicionais aos preto de 2.000 do tres últimos meses de 2013. Así, sumaranse en 2014 cidades como A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Vitoria-Gasteiz, Avilés, Xixón, Oviedo, Cerdanyola do Vallés, Granollers, Rubí, San Cugat del Vallés, Burgos, Santander, Castelló, Xirona, Donostia, Lleida, Lugo, Coslada, Las Rozas, Majadahonda, Rivas Vaciamadrid, Valdemoro, Pontevedra, Vigo, León, Tarrasa, Reus, Tarragona, Sabadell, Palencia, Salamanca, Logroño, Pamplona, Arona, San Cristóbal de la Laguna, Melilla, Ceuta e Ourense.
Lembrar que Telefónica traballa con Alcatel-Lucent e Ericsson como subministradores para realizar o despregamento. A banda de frecuencias na que se está achegando infraestrutura inicialmente é a de 1.800 Mhz, ata que estea dispoñíbel a de 800 Mhz que ficará ceibe polo dividendo dixital. “Desta maneira”, explica a operadora, “as velocidades máximas de transmisión dos datos en mobilidade que este primeiro despregamento permitirá aos clientes de Movistar serán de até 75 Mbps de baixada e 25 Mbps de subida”.
Sinalar tamén que o servizo 4G de Movistar non ten custo adicional, está integrado na oferta de tarifas de datos desde 1 GB de franquía. “Desta maneira os clientes de Fusión, Movistar Total e Navega 20, así como calquera outro cliente que contrate un Extra GB, poderán gozar da máxima velocidade sen cambiar de tarifa e sen custo adicional”, explica a compañía, que engade que os usuarios tan só precisan dispor dun terminal compatíbel e estar nunha zona de cobertura 4G.

PUBLICIDADE