Beats estrea os auriculares Solo Pro con cancelación de ruído activa e Siri

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Coincidindo coa presentación dos novos auriculares sen fíos de Google, que non chegarán ao mercado até a vindeira primavera, dende Apple sorprenderon poñendo á venda os auriculares Solo Pro de Beats, que poden adquirirse a un prezo de 299,95 euros e ofrecen comodidade de uso, son potente e equilibrado e a cada vez máis demandada cancelación de ruído activa, de xeito que o ruído externo bloquéase grazas á calibración de audio en tempo real. Tamén é posible activar o modo de transparencia para escoitar de xeito natural o ruído ambiental captado polos seus micrófonos externos (o que resulta práctico para poder escoitar o que nos di alguén sen ter que quitar os auriculares), aínda que se temos estes modos especiais desactivados conseguiremos unha maior autonomía, que pode chegar até as 40 horas de uso (con cancelación de ruído a autonomía chegaría como moito ás 22 horas).
Estes auriculares poden empregarse en combinación dos dispositivos con iOS, caso no que podemos gozar do control de voz en mans libres, de xeito que chegaría con dicir «oye, Siri» para poder pasar a dar ordes faladas ao noso dispositivo móbil.
Outra funcionalidade orientada a usuarios de auriculares de Apple é o Audio Sharing, o que permite que varios usuarios con auriculares con procesadores de Apple W1 e H1 (como serían a meirande parte dos produtos de Beats) poidan escoitar simultaneamente unha fonte sonora en cadanseus auriculares, o que resulta práctico para, por exemplo, ver unha película en compañía nun contorno no que sexa preciso o uso de auriculares.
Aínda que estes novos auriculares poidan encargarse en varias cores (azul claro, vermello, azul escuro, marfil, negro e gris) dende hoxe mesmo, a súa entrega non se realizará até o vindeiro día 30.

PUBLICIDADE