BlackBerry recibe unha oferta de compra por valor de 4.700 millóns de dólares
luns, 23 de setembro do 2013
A empresa canadense BlackBerry anunciou hoxe que asinou un
principio de acordo cun consorcio liderado por Fairfax Financial Holdings Limited
(Fairfax) para a súa venda por un valor de 9 dólares por acción, o que supón
unha operación
cun valor total de 4.700 millóns de dólares. Fairfax xa tiña
aproximadamente o 10% da compañía e con esta operación faríase coa totalidade
das participacións, realizando tal pagamento en efectivo.
Ábrese agora un proceso no que ultimarán os detalles da operación de
adquisición, para chegar a un acordo final que espera concretarse o 4 de
novembro, podendo recibir BlackBerry outras propostas de compra alternativas
durante este período (aínda que de concretarse unha operación alternativa
habería que compensar economicamente a Fairfax, agás que o grupo investidor
reducise o importe da súa proposta inicial).
