Carballo incrementa nun 38% o volume de RAEE recollidos
mércores, 10 de xaneiro do 2018
O
Concello de Carballo vén de achegar un reconto da actividade xerada
a través do punto limpo de Bértoa, onde se leva a cabo un
importante labor de xestión e tratamento de aparellos eléctricos e
electrónicos. En
total, xestionáronse neste emprazamento 46.932 quilos deste tipo de
refugallos: electrodomésticos e aparellos TIC, o que representa un
incremento do 38% con respecto ao ano anterior. Esta suba,
segundo fixo saber o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, é
“unha mostra de que este tipo de produtos están cada vez máis
presentes nas nosas vidas, pero tamén de que a poboación está cada
vez máis sensibilizada nas cuestións medioambientais”.
O
Concello sinalou tamén que o maior aumento rexistrouse nos aparellos
eléctricos non perigosos, que pasaron de 4.700 a 10.560 quilos nun
ano. Respecto do material de meirande risco, con compoñentes moi
contaminantes, sitúanse os televisores, que pasaron de 18.700 quilos
no 2016 a 22.420 no 2017. En segundo lugar destacan as neveiras e
conxeladores, que tamén se incrementaron desde os 10.260 quilos do
ano 2016 ata os 13.780 do 2017. Cos fluorescentes, que tamén son
perigosos, a tendencia é a contraria. Entre o 2016 e o 2017 a súa
presenza no punto limpo reduciuse de 259 a 172 quilos.
Segundo
insiste o Concello, este incremento nas cifras de xestión débese
por unha banda á meirande sensibilización da cidadanía acerca dos
perigos dun tratamento non axeitado, e pola outra, ao incremento da
presenza dos aparellos tecnolóxicos no noso día a día. A maiores,
hai outro factor de importancia: as medidas de concienciación
impulsadas polo Concello, que insiste, con diferentes accións da
Concellería de Obras e Servizos, na importancia de empregar o punto
limpo, que é de balde e que permite non só recoller, senón tamén
xestionar correctamente os RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e
Electrónicos) para que os seus compoñentes poidan ser debidamente
tratados e/ou reutilizados.
