Codigocero.com cumpre hoxe 10 anos

luns, 25 de xullo do 2011 Redacción

Así era codigocero.com durante o seu primeiro ano na web

Dez anos, 3.652 días, é a vida desta iniciativa que naceu o 25 de xullo de 2001. Xurdido dun programa radiofónico, codigocero.com é hoxe na Rede o primeiro medio de comunicación privado de Galicia integramente en lingua galega, o sexto medio de comunicación do país tralos principais xornais e a CRTVG, e ocupa o posto 118.400 do mundo e o 2.250 de España (datos de Alexa do 20 de xullo), cifras que supoñen un crecemento dun 28% no último ano en posición mundial, un 30% no último mes e un 36 por cento nos últimos tres meses.
Con máis de 10.000 usuarios únicos, a nosa páxina web é consultada por unha maioría de internautas que teñen estudos superiores, que o fan máis desde o traballo e o centro de ensino (institutos e universidades) que desde o fogar, e case igual na mesma porcentaxe entre homes e mulleres (máis mulleres ata os 25 anos e homes a partir dos 25 anos). A estas cifras únese o boletín que reciben diariamente 2.955 subscritores de xeito gratuíto, o que fai que se eleve o número de visitantes a 320.000 mensuais. Con estes resultados hoxe codigocero.com é o referente das novas tecnoloxías e sa sociedade da información de Galicia.

Parte do equipo de Código Cero, acompañado polo enxeñeiro Xavier Alcalá, tras recibir un galardón da AETG en 2001

Creado por un grupo de amigos co obxectivo de apoialo sector TIC galego levan xa máis de once anos nesta iniciativa, desde que no ano 2000, arrincara como a web do programa Código da Radio Galega.
Hoxe cumprimos 10 anos o que é posible polo apoio de mais de medio cento de colaboradores que aportan o seu tempo e coñecementos para acercar ao internauta o que se fai en Galicia e no mundo, un labor recoñecido con premios como o de EGANET á mellor web dun medio de comunicación, o da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia co galardón á innovación empresarial na categoría de medios de comunicación e pola emigración galega pola Enxebre Orde da Vieira co Premio á Galeguidade ao medio de comunicación, entre outros.
Pero iso non sería posible se non fose polo xeneroso apoio de empresas, organizacións, asociacións, institucións e administracións, que manteñen este proxecto pioneiro e sen os cales non seria posible seguir.
Mil grazas por estes máis de 3.652 días de traballo, esforzo e ilusión e o noso desexo de ter polo menos tres mil días mais na nosa lingua.

O equipo de codigocero.com