Consumidores devolvendo as Apple Vision Pro xa son unha realidade (previsible)

xoves, 15 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A poucas horas de que se cumpran os 14 días do lanzamento das Vision Pro nos EE.UU. chegan numerosas informacións apuntando a devolucións masivas do produto, para sorpresa para ninguén, pois a compañía promocionou con bastante profusión que os consumidores tiñan dúas semanas para probar o produto, provocando así compras impulsivas ou incluso compras que poderiamos considerar simuladas, xa que a única intención dos consumidores era probar o produto durante varios días ou incluso crear contidos sobre o produto de moda para as redes sociais.
Pero deixando de lado as compras que xa estaba predestinadas a rematar en devolución (moitas máis que a doutros lanzamentos de Apple anteriores), hai moitos casos nos que a devolución prodúcese polo duro golpe de realidade que reciben algúns usuarios ao ver que o produto aínda non está maduro (o seu software dista de estar pulido), os contidos para Vision Pro aínda son moi reducidos, o aproveitamento como ferramenta de produtividade aínda está lonxe do prometido e, basicamente, a única funcionalidade para a que o produto cumpre á perfección é a reprodución multimedia (funcionar como unha sala de cine persoal) o que para moitos usuarios non compensa un investimento tan elevado.
O que resultaba inevitable é que, tras un uso prolongado, moitos comprobasen en primeira persoa que o produto ten moito que mellorar fisicamente ou incluso que a condición física do usuario faga imposible un uso satisfactorio do visor. Falamos non só de persoas que non son quen de soportar o peso do casco durante moito tempo, senón tamén de usuarios que experimentan fatiga visual, que padecen mareos tras só 10 minutos de uso ou que non conseguen que o seguimento visual funcione ben cos seus ollos (o estrabismo, a ambliopía e outros problemas visuais, así como certos tipos de lentes de contacto poden estragar a experiencia), problemas que nin se solucionarán cunha simple actualización de software, senón que probablemente precisen de anos de evolución neste tipo de produtos e que nalgún caso serán imposibles de superar, pois responden a limitacións físicas do propio usuario.

PUBLICIDADE