Convócase un concurso de traslados piloto para escalas TIC da Xunta

venres, 29 de maio do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia convoca un concurso de traslados para as escalas de informática que servirá como proxecto piloto do futuro modelo de concurso aberto e permanente.
O proceso incluirá un total de 150 postos das escalas de informática, aos que poderá optar o persoal destas escalas que se atope en situación administrativa de servizo activo e leve, cando menos, dous anos desempeñando un posto con carácter definitivo. Tamén poderá participar o persoal funcionario que, conforme á normativa vixente, estea noutra situación administrativa que permita concorrer a un concurso de traslados.
O DOG publica hoxe a resolución pola que se convoca o concurso para a provisión de postos de traballo da escala superior de sistemas e tecnoloxías da información; do corpo de xestión, escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información; e do corpo administrativo, escala de técnica/o especialista en tecnoloxías e sistemas da información.
A tramitación deste concurso funcionará como experiencia piloto do novo modelo de concurso aberto e permanente. O procedemento permitirá poñer a proba a nova ferramenta informática desenvolvida para este fin e introducir os axustes técnicos necesarios antes da súa implantación xeral, en función dos resultados obtidos.
A través desta iniciativa, a Administración autonómica pretende validar un sistema que facilite unha xestión continua, máis áxil e eficiente dos postos vacantes, deixando atrás progresivamente o modelo de convocatorias illadas para avanzar cara a un sistema de mobilidade ordinaria continuo, recorrente e previsible.
O propósito é que, unha vez completada esta experiencia piloto e avaliados os seus resultados, poida convocarse un concurso aberto e permanente na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
A medida supón unha modificación de fondo no modelo de mobilidade do persoal funcionario, coa intención de avanzar cara a unha xestión máis dinámica da provisión de postos, adaptada ás necesidades actuais da organización administrativa e ás expectativas do persoal empregado público.
Antes da convocatoria do concurso aberto e permanente, as bases do novo modelo negociaranse coas organizacións sindicais, incorporando as achegas dos representantes do persoal empregado público.