Coremain automatizou máis de 150 procesos empresariais
xoves, 28 de abril do 2022
A
empresa galega Coremain
fixo balance da actividade xerada polo seu Centro de Excelencia de
Automatización. Segundo fixo saber, a través deste servizo
foron automatizados con éxito máis de 150 procedementos
empresariais en clientes de sectores moi diversos, como por exemplo a
saúde, a banda, os seguros, o sector retallista, as
telecomunicacións ou o motor.
“O
balance foi moi positivo”, sinalan fontes da empresa con sede
principal en Compostela, engadindo que grazas a este servizo as
empresas lograron un aforro medio de entre o 40 e o 60 por cento en
tarefas tan variadas como a creación de historiais médicos, a
análise de solicitudes de préstamos, a tramitación de sinistros, a
xestión de envíos loxísticos ou o fornecemento de liñas para
portabilidades.
O
Centro de Excelencia de Automatización de Procesos de Coremain está
integrado por un equipo de vinte profesionais expertos nas
tecnoloxías máis avanzadas. Segundo explica a empresa, do que se
trata é de achegar ferramentas e recursos para aumentar a eficiencia
dos procesos empresariais, diminuíndo o número de recursos humanos
empregado e reducindo os erros. “En Coremain, dispomos de solucións
de minería de procesos enfocadas a descubrir que tarefas poden ser
automatizadas con maiores beneficios, no menor tempo posible e coa
menor dificultade, para obter a maior rendibilidade”, engade a
compañía, salientando que outro dos puntos fortes destes procesos
radica en que son aceleradores da transformación dixital: “A
automatización converte procesos executados por persoas e nos que se
manexa información física, en automáticos e mediante máquinas,
cun tratamento e almacenamento de datos dixital”.
Grandes
compañías como Vodafone ou o grupo PSA confiaron xa en Coremain
para este tipo de transformación. Concretamente, para o operador
británico a empresa galega simplificou o 85% dos procedementos de
provisión de servizos móbiles e fixos mediante unha plataforma RPA
propia con máis de 1.500 robots que son capaces de executar 80
procesos diferentes, que antes se realizaban de forma manual. Só no
último ano, a implantación desta plataforma permitiu xestionar,
cada mes, máis dun millón de eventos de forma totalmente autónoma.
