Críticas pola aparición dun blog que traduce libros galegos de ensino ao castelán

venres, 2 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A defensa do idioma galego na Rede, malia ser a causa pola que loita unha boa parte da nosa comunidade internauta, non acaba de convencer a algún que outro colectivo e/ou plataforma en liña do país. As razóns disto último semellan múltiples e variadas, pero probablemente teñan que ver coa falta de identificación co que lles é ou lles foi ou lles puído ser propio. Todo isto vén a conto para falarmos dun caso ben curioso de tradución en liña que iría encamiñado a castelanizar na medida do posible o decreto do galego no que, entre outras cousas, se especifican unha serie de materias de obrigada publicación na nosa lingua. Dito doutra maneira: trátase dunha iniciativa que limitaría a xa de por si delicada situación do galego no eido educativo. E faino promovendo dende o caderno colectivo Amigos de Galicia Bilingüe a tradución ao castelán de libros de texto que pola norma establecida terían que figurar en galego.
O blog en cuestión (que se presenta cun epígrafe que fala ás claras de por onde van os tiros: Se prefieres que tus hijos estudien en español, te ayudaremos) podería ser en breve obxecto dunha denuncia por parte dos editores galegos.
Segundo se nos conta en Xornal.com, non se trataría dunha iniciativa directa de Galicia Bilingüe, senón de pais anónimos e independentes. Entre outras cousas ofrécense no caderno consellos para evitar unha situación de incomprensión do que se ensina (cousa que para os editores non ten sentido, xa que agás excepcións puntuais, na nosa terra e mesmo fóra dela todo o mundo entende a nosa lingua) e, como dixemos, traducións de terminadas obras. O blog, informa a dita web, céntrase en adaptar cada termo galego ao castelán, chegando mesmo a poñer Xunta como Junta, alén de meterse na deturpación de todo tipo de topónimos.

PUBLICIDADE