Culturagalega.info estrea nova versión con máis imaxes e unha axenda máis completa

venres, 1 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A plataforma de comunicación en liña GaliciaDixital vén de pór en marcha unha nova versión do seu portal culturagalega.info, un espazo en liña dirixido a centralizar unha boa parte das nosas novidades ligadas a expresións creativas de toda índole: literatura, pintura, escultura, artesanía, danza, teatro, música, etc.
A nova feitura da páxina web inclúe a achega de máis de 480 galerías fotográficas de artistas e artesáns galegos, e máis un directorio en liña con todos os datos referentes á cultura do noso país, abranguendo museos, bibliotecas, teatros e artistas.
Segundo informan os responsables desta iniciativa dixital, os contidos do portal complétanse cunha sección sobre concursos culturais e artísticos celebrados ao longo e ancho da nosa xeografía, amais dunha galería de publicacións en papel que se achega en formato PDF.
As novidades relacionadas con GaliciaDixital non rematan aí, posto que ao devandito cómpre engadir a inclusión da propia plataforma, unha das máis antigas do panorama en liña galego, na rede social Facebook. A partir de agora, infórmase, “poderanse seguir as novidades ligadas a GaliciaDixital no seu sitio específico de Facebook, incluída a máis completa axenda de novidades relacionadas co medio dixital: actos, exposicións, festas, feiras, espectáculos, cursos, etc.”.