Declaración institucional da Xunta con motivo do Día da Internet
mércores, 17 de maio do 2023
Co gallo da celebración do Día Internacional das Telecomunicacións, a Sociedade da Información e a Internet, a Xunta de Galicia publicou a seguinte declaración institucional:
Francisco
Fernández del Riego, a quen hoxe dedicamos o Día das Letras Galegas, lembraba
no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, en 1960, o papel da
Xeración Nós na modernización de Galicia. Citaba a Vicente Risco, “o ideólogo
do grupo, que traballa denodadamente na europeización da cultura galega e pon
ao seu servizo a técnica moderna”.
O proceso de
transformación dixital das sociedades sitúanos de novo ante o reto que nos
obriga a traballar denodadamente nun proceso de modernización que implica
garantir a capacitación tecnolóxica da cidadanía e avanzar na especialización
tecnolóxica na nosa Administración, nas nosas universidades e centros de
investigación e no noso tecido produtivo. A técnica moderna ao servizo
de nós.
Europa volve a
ser o compás que debe guiar o noso rumbo coa súa aposta decidida por un
desenvolvemento tecnolóxico centrado en criterios éticos e de confianza e
baseado na tradición humanista dunha identidade común que deu como resultado un
modelo de convivencia e benestar ao que non debemos renunciar.
Precisamente,
esta identidade común vertebra o pensamento da Xeración Nós no que conflúen as
posicións de quen se recoñecen habitantes dun mesmo planeta, constatando a
interdependencia entre as sociedades e a existencia de intereses compartidos.
Nós volve a ser unha das bandeiras desa
modernización. Así é como tamén se denomina o proxecto impulsado pola Xunta de
Galicia e desenvolvido pola Universidade para situar ao idioma galego en pé de
igualdade coas principais linguas do mundo nas contornas tecnolóxicas. Esta
necesidade ponse hoxe de manifesto especialmente co desenvolvemento e extensión
do uso dos chatbots, que fan accesibles á humanidade os vertixinosos
avances da intelixencia artificial en todos os ámbitos do coñecemento.
Galicia avanza no
obxectivo de mellorar o marco de relación e interacción da cidadanía coa
Administración con tres eixos principais de actuación: configurar unha
administración máis eficiente, máis personalizada e máis accesible. Para
facelo, están en marcha actuacións que implican o uso de tecnoloxías como a
propia intelixencia artificial, a xestión intelixente do dato, os servizos na
nube, os novos modelos de centros de datos, a automatización de procesos ou o
desenvolvemento de asistentes virtuais entendibles. Sen esquecer que debemos
garantir a calidade dos servizos administrativos á persoas maiores, en moitos
casos menos familiarizadas coas tecnoloxías.
Nese espírito
modernizador representado por Nós, Galicia avanza tamén na súa propia
evolución de país como un territorio máis intelixente e mellor conectado. Está
en marcha un proceso de sensorización e monitorización do territorio que
estenderá o uso de dispositivos de internet das cousas e que permitirá a
xestión de información en tempo real para a mellora de actividades ou servizos
como o transporte, a agricultura, a pesca ou o turismo. Un modelo que nos
permitirá dispoñer dun xemelgo dixital de Galicia para afrontar con máis e
mellor coñecemento ameazas como os cambios no clima, a xestión do carbono ou os
incendios forestais.
Hoxe conmemoramos
o día de internet. A rede é hoxe un dos hábitats principais das tecnoloxías, e
non poderíamos imaxinar o seu avance sen a existencia deste hábitat. Todos os
aspectos relacionados con esa administración intelixente, con ese territorio
intelixente, con ese país especializado e con ese tecido produtivo adaptado
están supeditados á evolución da rede e aos seus contidos.
E Galicia, como
Europa, aposta por facelo ao servizo da cidadanía, con garantías para os
dereitos fundamentais das persoas, con respecto á súa privacidade, garantindo a
súa seguridade, con criterios de procura do benestar, da realización persoal e
da felicidade. E co fundamento ético e cultural dos valores do Humanismo.
Galicia, cunha historia, unha cultura e unha
lingua propias, é un dos territorios máis concienciados coa idea de Europa, a
pesar da súa situación xeográfica periférica. A condición de meta do Camiño de
Santiago –designado en 1987 Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa
e Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2004– permitiulle cultivar unha relación
fluída e permanente cos pobos e culturas de Europa. Así mesmo, pola Ruta
Xacobea, dende os tempos de Carlomagno, circulan ideas, arte e literatura.
Sen dúbida, o
espírito europeísta e europeizante manifestado a principios do século XX a
través de Xeración Nós quedou patente na identidade de Galicia. Este espírito
permanece e se transmite dende as institucións educativas e formativas, entre
elas as universidades galegas, fieis á súa misión de mellora permanente da
sociedade a través do coñecemento.
