Dispoñíbel unha nova aplicación da Xunta para baixarmos información xeográfica

luns, 6 de xuño do 2016 Redacción

Os internautas xa temos á nosa disposición unha nova aplicación web para o Centro de Descarga de Información Xeográfica. O recurso foi achegado pola Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e en colaboración coa axencia AMTEGA. A nova ferramenta, salientan estes departamentos da Xunta, é “máis doada de usar e abrangue un meirande volume de arquivos”. A aplicación, que se centra en permitirnos baixar mapas e ficheiros xeorreferenciados en diferentes formatos, implica un importante incremento dos arquivos dispoñíbeis. En termos concretos, estes pasaron dos 46.945 arquivos existentes na versión anterior (que supoñían 1,1 terabytes de información) aos 272.243 arquivos (3,2 terabytes) actuais.
Segundo relatan o IET e máis AMTEGA, con esta nova versión, “trátase de acadar un triplo obxectivo: facilitar o uso da web por calquera cidadán; aumentar a información dispoñíbel; e incorporar a información en distintos formatos para o uso por parte dos profesionais”. Os organismos destacan tamén os esforzos envorcados para lograr un recurso especialmente “amigábel”, grazas á incorporación dun novo visor xeográfico no que o usuario pode buscar un ámbito territorial determinado mediante procuras por topónimo, coordenadas ou códigos catastrais.
Lembrar que a incorporación de miles de novos ficheiros con contido xeográfico permite actualmente o acceso e o uso público dun total de 272.243 ficheiros, entre series cartográficas en PDF (a escalas 250.000, 100.000 e 5.000), ortofotografías aéreas de distintos anos, mapas de usos e ocupación do solo en formato shapefile, ficheiros en formato ráster e ficheiros de datos LIDAR.

PUBLICIDADE