Docuten avanza en excelencia coa migración dos seus servizos a Microsoft Azure
martes, 20 de abril do 2021
- Brais Méndez, director executivo (CEO) de Docuten
Docuten,
referencial plataforma galega de dixitalización administrativa, vén
de dar un novo e decisivo impulso á excelencia dos seus servizos de
sinatura dixital e factura electrónica. Fíxoo coa súa migración a
Microsoft Azure, un movemento estratéxico que, en palabras da
empresa galega, “non só afianza unha garantía plena de seguridade
senón que tamén permitirá a Docuten integrarse plenamente na rede
de partners de Microsoft”. Con esta migración, de feito, a
empresa convértese nun dos principais fabricantes de software con
solucións de sinatura dixital avalado pola multinacional de Windows
en España.
O
obxectivo común de ambas as compañías é “a mellora continua da
dixitalización nas empresas”. En palabras de Brais Méndez,
director executivo e fundador de Docuten, “comprobamos que o
paradigma que nos tocou vivir e a nova realidade acelerou o impulso
dixital das compañías, que buscan ferramentas na nube que lles
permitan continuar traballando en remoto e optimizar os seus procesos
internos. Isto implica que todo o que até agora se traballaba en
contorna local, agora se teña que xestionar na nube, o que supón un
aforro espectacular de custos e un aumento exponencial da eficiencia
empresarial”.
Dende
Docuten recoñecen ter valorado “gran variedade de parámetros”
antes de decidirse a usar a plataforma de Microsoft Azure, e “tanto
a seguridade como a privacidade foron determinantes”, indican,
engadindo que, en virtude desta estratexia, a súa solución de firma
dixital e factura electrónica “ofrécese nun modelo de servizo, o
que facilita enormemente a adopción por parte das empresas que non
necesitan dedicar recursos á adquisición nin á administración de
sistemas”. E co engadido extra, para as empresas, de ter sempre os
seus datos dentro da Unión Europea.
“Os
servizos de Microsoft Azure están apoiados polas máis esixentes
certificacións internacionais, incluíndo o Esquema Nacional de
Seguridade, polo que os datos sempre van estar seguros, redundados e
dispoñíbeis”, comenta Ángel Aparicio, CPO e co-fundador de
Docuten.