Ednon celebra a primeira edición do seu Concurso de Xeración de Ideas

xoves, 18 de abril do 2013 Redacción

Roberto Espina (director xeral de Ednon), David Viqueira, Benjamín Enríquez e Jose Manuel García (traballadores galardoados de Ednon) e Francisco Bao (presidente de Ednon)

A empresa galega Ednon celebrou este mércores o acto de entrega do premio correspondente ao seu Concurso de Xeración de Ideas, que se desenvolvía na súa primeira edición. A través deste certame, Ednon desexa premiar as ideas orixinais dos seus traballadores que poidan converterse en produtos ou servizos innovadores no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A firma, que incrementou nos últimos anos a porcentaxe de I+D+i na súa facturación, encamiña os ditos galardóns a transmitir á propia organización as vantaxes de constituírse como empresa innovadora, fomentando a súa participación e implicación no proceso de innovación.
A apertura do acto, que tivo lugar na sede central de Ednon en Santiago de Compostela, estivo a cargo do seu presidente, Francisco Bao, que destacou que “seguiremos investindo en I+D+i. queremos que a innovación forme parte do ADN de Ednon, que todos os traballadores poidan achegar e desenvolver as súas ideas”.
Tras a lectura da acta do xurado, que estivo formado por representantes de Ednon e Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), Francisco Bao e Roberto Espiña fixeron entrega do Primeiro Premio, dotado con mil euros, ao equipo formado polos empregados de Ednon Benjamín Enríquez, David Viqueira e José Manuel García. A idea galardoada consiste na proposta dunha aplicación móbil para o sector da e-saúde, sendo seleccionada por “cumprir cos criterios de orixinalidade, viabilidade tecnolóxica e adaptación á estratexia de comercialización da empresa”.