En xuño volve o curso de Vitae centrado na programación de aplicacións profesionais con IA

mércores, 27 de maio do 2026 S. P.

Xa as portas do verán, segue imparable a maquinaria formativa da consultora galega Vitae, referente en actualizar os coñecementos do amplo colectivo de profesionais TI de Galicia e España. Sen ir máis lonxe, o 22 de xuño comeza a 6ª edición do curso Programación de Aplicacións Profesionais con IA, de 9 horas de duración. Desenvolverase os días 22, 23 e 25 de xuño.
Estamos ante unha formación que abrolla directamente do contexto actual: un contexto no que a IA transformou radicalmente o desenvolvemento de programas informáticos e que nos brinda un panorama no que programar xa non consiste só en escribir código, senón en dirixir, supervisar e validar procesos nos que a intelixencia artificial participa activamente.
“Este cambio de paradigma”, explica Vitae, “esixe novas habilidades, novos criterios e unha comprensión clara de como integrar a IA de forma produtiva e responsable no ciclo completo de desenvolvemento”.
Enfoque práctico e realista
Este curso propón un enfoque práctico e realista da programación asistida por IA. Ao longo de 9 horas, o alumnado desenvolverá un proxecto sinxelo de principio a fin, utilizando ferramentas de IA non como un substituto do desenvolvedor, senón como un acelerador da análise, o deseño, a posta en marcha, o testing e documentación.
Ademais, adestrarase ao desenvolvedor no seu novo rol como responsable do proceso: formulando prompts efectivos, avaliando a calidade do código xerado, detectando erros ou riscos e tomando decisións técnicas informadas, evitando a dependencia cega das ferramentas de IA.
Traballarase con modelos de IA amplamente utilizados na industria (como ChatGPT, Gemini e Claude), así como con IDEs e asistentes modernos (Cursor, Windsurf, Antigravity, GitHub Copilot), integrándoos nun fluxo de traballo profesional baseado en control de versións, planificación e boas prácticas.
Ao finalizar o curso, os asistentes serán capaces de adquirir unha metodoloxía práctica e transferible para programar con intelixencia artificial; desenvolver a capacidade de dirixir, supervisar e validar o traballo xerado pola IA; e mellorar a produtividade e calidade do desenvolvemento mediante ferramentas de IA usadas profesionalmente.
Este curso terá unha duración de 9 horas. Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
A persoa encargada de impartir os contidos será Jorge González, enxeñeiro Técnico Industrial na especialidade de Electrónica, con 25 anos de experiencia como analista programador e máis de 20 anos como formador de tecnoloxías web e de mobilidade. As tecnoloxías que domina Jorge son HTML5, PHP, JavaScript, React, NextJS, Angular, IONIC, Drupal, Symfony, Wordpress, Freeswitch, etc...
Na súa faceta de formador estivo sempre ligada á súa experiencia profesional. Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou atópanse Google, LinkedIn, FC Barcelona, La Caixa, Nike, Cola Cao, Pronovias, Volkswagen, Capgemini, Grupo Antolín, Gas Natural, Indra, Deloitte, La Voz de Galicia, Plexus, Disashop, Softtek, Teimas, Marine Instruments, Clúster TIC Galicia, etc.